Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/10/2020 | Actualizada ás 18:33
Un total de 22 dos 67 incendios forestais que calcinaron 8.740 hectáreas entre o 12 e o 16 de setembro iniciáronse de madrugada e en condicións de "alto risco", ademais de afectar a dúas zonas consideradas como áreas de alta actividade incendiaria.
Diso deu conta o conselleiro do Medio Rural, José González, este mércores no Parlamento de Galicia en resposta a unha interpelación parlamentaria formulada polo deputado socialista Martín Seco, que acusou á Xunta de "non facer nada" para reverter unha realidade, os incendios forestais, que se dá "ano tras ano" e "cada vez son máis agresivos".
O conselleiro manifestou que o inicio de incendios durante a madrugada e en condicións propicias para a propagación do lume "confirman a intencionalidade como principal causa", o que debe ser atallado con "investigación e colaboración cidadá" da man con xuíces e fiscais.
Neste sentido, apuntou que, no que vai de ano, 50 persoas están a ser investigadas pola súa responsabilidade en incendios forestais e que, en caso de demostrarse a súa culpabilidade, "responderán con penas de cárcere e co seu patrimonio".
Todo iso fronte ás críticas vertidas polo parlamentario socialista Martín Seco, que botou en falta maior compromiso por parte da Administración autonómica con frear o abandono do rural e dotar a estas áreas de actividade como vía para atallar a problemática dos incendios.
Ante isto, o conselleiro pediu ir "máis aló das causas" para chegar ás "consecuencias", á vez que defendeu os avances da Xunta á hora de pór en marcha políticas para a "recuperación" da actividade agrícola e gandeira.
Sobre isto, sinalou a creación dunha Dirección Xeral "específica" na organigrama de Medio Rural para o fomento de actividades agrogandeiras no ámbito rural, así como a aprobación dun "decreto" para a protección de masas forestais e frondosas autóctonas.
En canto ás tarefas de prevención, apuntou a existencia dun convenio polo que a Xunta financia con 7,5 millóns de euros ao ano a limpeza das franxas. A través deste convenio, os municipios remitiron máis de 65.500 notificacións a particulares que incumpren as franxas de seguridade próximas a vivendas en áreas consideradas de alta incidencia.
Deste xeito, os efectivos de Seaga xestionaron un total de 177.033 parcelas en 157 parroquias de 81 concellos que acumulan unha superficie total de máis de 9.710 hectáreas, o que supón algo máis do 64% da superficie total.
Neste sentido, González destacou que "dous terzos" de franxas están xa xestionadas e que constitúe, ao seu xuízo, unha mostra do "bo camiño na concienciación cidadá" sobre a necesidade de ter montes limpos para evitar incendios.
GRUPO SOCIALISTA
"Dicía Albert Einstein que tolemia é facer o mesmo unha e outra vez esperando ter os mesmos resultados", sinalou o parlamentario socialista, que lamentou que a Xunta "persista" nos seus "principais erros" na loita contra os incendios e que, segundo o deputado, quedaron en evidencia coa vaga de incendios que afectou a provincia de Ourense o pasado mes de setembro.
Neste sentido, advertiu que Ourense constitúe "unha bomba de biomasa" polo "abandono" do rural e a ausencia de actividades gandeiras e forestais, que son "marxinais" e "residuais".
VELUTINAS
A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, fixo balance do Plan de loita contra a vespa velutina acordado entre a Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e destacou que, desde a súa posta en marcha a finais de xaneiro, o operativo de Seaga encargado do mesmo retirou preto de 13.000 niños.
Prieto participou este mércores nunha visita ás instalacións da empresa pública en Guísamo, onde tamén lembrou que están adheridos a este plan 285 concellos, o que supón o 90% dos municipios galegos.
Por provincias, os operarios de Seaga eliminaron ou neutralizaron máis de 6.500 niños na Coruña, case 4.000 en Pontevedra, máis de 1.400 en Lugo e máis de 900 en Ourense. A maioría dos niños foron retirados nun prazo de menos de cinco días hábiles, ao estar situados a menos de 25 metros de altura e en lugares accesibles.
Nalgúns casos do total de 23.730 avisos recibidos no Teléfono de Atención e Información á Cidadanía 012, explicou a Xunta, non procede actuación ou están aínda pendentes de actuacións posteriores. Ademais, atendéronse 456 incidencias que, polas súas circunstancias ou situación, correspondían inicialmente a emerxencias.
Natalia Prieto explicou que o Goberno galego presta a través deste plan unha atención "centralizada e coordinada cos concellos" para facer fronte ao aumento da presenza da vespa velutina en Galicia nos últimos anos.
De feito, precisou que a Xunta xa viña traballando desde 2014 nun programa de vixilancia e control para minimizar o impacto da especie na comunidade e decidiu posteriormente redobrar esforzos.
O Plan conta cunha dotación de 2,3 millóns de euros de fondos propios da Xunta e do Fondo de Cooperación Local. O operativo de Seaga encargado da retirada de niños conta con 80 efectivos, a maioría deles no equipo de intervención distribuído entre os centros de Santiago de Compostela, A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra; aos que se suma un equipo de coordinación con profesionais de perfil técnico e administrativo.
A Xunta mantivo durante o estado de alarma decretado polo coronavirus a atención dos avisos recibidos no 012 e os traballos por parte do operativo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.