Tirarmos as hipotecas da lingua

A axustada elección presidencial na Academia Galega (RAG) amosa a necesidade de desenvolver unha intelixente política de concordia que reformule, canda outras Institucións e axentes sociais, os alicerces da acción normalizadora na sociedade dos últimos trinta anos, limitada canto aos seus éxitos.

Por X.A. Pérez-Lema | | 22/04/2013

Comparte esta noticia
Cómpre  o máximo rigor a respecto das Administracións  para acadarmos a igualdade xurídica real, só posíbel se equiparamos os deberes de coñecemento de ambas as dúas linguas oficiais. Mais cara á sociedade é urxente recoñecer  a conveniencia do plurilingüismo como modelo onde aplicar eficaces políticas restitutivas que recoñezan a existencia normal dos galegos castelánfalantes e incentiven a modificación parcial dos seus hábitos para achegalos ao uso da nosa lingua propia.
 
Son os galeguistas e nacionalistas os primeiros interesados en tirar as hipotecas da lingua e rachar a equiparación galegofalante urbano= nacionalista. Porque só dende políticas flexíbeis e amábeis coa cidadanía (e firmes coas Administracións e axentes políticos) poderá esta sociedade ir illando as condutas contrarias aos valores do civismo democrático dos inimigos do galego, ao xeito de Galicia Bilingüe e demáis freakies de quenda, hoxe desgrazadamente presentes en boa parte das equipas de goberno dos Concellos coruñés e compostelán.
 
Cómpre, tamén, unha política normalizadora de menos despachos e máis rúa e rueiro  para facer popular e cidadán a tarefa a prol da lingua.
 
Na súa estrea presidencial, Alonso Montero cometeu o erro de criticar a normativa de consenso aprobada no 2003. O galego precisa vivir, con normalidade, no contexto da lusofonía  construindo máis pontes cara á integración política e cultural da Galicia no seu seo. Seica Alonso Montero podería corrixir as súas non matinadas reflexións e comezar por nomear académicos correspondentes escollidos nos distintos países que partillan a lusofonía, inserindo deste xeito  a RAG na súa urdime académica e institucional. 
 
Tamén habería retirar o recurso de casación contra o Decreto do galego, porque o Supremo, amáis de rexeitalo, fixará unha doutrina contraria á interpretación que o TSXG fai da Lei de Normalización. Compre salientar que non hai vulneración de Dereito estatal que alicerce nin este recurso nin o da Xunta,  retirado por mor da presión cidadá.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Antón Pérez Lema Licenciado en Dereito e graduado en Administración de Empresas. Leva exercendo a avogacía máis de vinte anos e dirixe o seu propio despacho n’A Coruña, con nomeada adicación ao Dereito Administrativo e Mercantil . Foi profesor da Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Avogados coruñés e da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigio. Arestora imparte a docencia no primeiro programa de asesoría xurídica de empresa que se desenvolve en Galicia, no Instituto de Finanzas e Formación Empresarial (IFFE).Publicou varios traballos sobre temática xurídica. Foi xefe de gabinete do Conselleiro da Presidencia Pablo González Mariñas, sendo Presidente Fernando González Laxe e secretario xeral de Relacións Institucionais na Vicepresidencia da Xunta ás ordes de Anxo Quintana (2007-2009). Fpoi asesor xurídico do Consello da Xuventude de Galicia (1991-1997) e tivo unha intensa actividade na defensa penal de obxectores e insumisos até que se acadou a supresión do servizo militar obrigatorio. Colaborador da Radio Galega e da TVG e de varios xornais, revistas e emisoras de Radio e TV galegas.