Prostitución: cando patriarcado e capitalismo van da man en tempo de Covid

A prostitución é un dos fenómenos máis difíciles de estudar e cuantificar, quer desde o lado social quer desde o monetario. Aínda que o proxenetismo está penado e perseguido, o exercicio desta actividade agóchase detrás dos denominados “clubs”. O sorprendente, segundo algunhas voces expertas, é que en tempos da COVID se permita a apertura a estes espazos fronte ao peche de bares, restaurantes e outras alternativas de ocio.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 15/10/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

As posturas teóricas, éticas ou policiais respecto da prostitución varían moito, non só de lugar en lugar, senón a cor ideolóxica. Así, se ben o movemento feminista encontrou maior apoio dentro das esquerdas á idea de abolición da trata de mulleres con finalidade sexual, tamén dentro desa esquerda hai quen non ve na abolición un remedio, de aí que tenten buscar outras fórmulas para combater este fenómeno. Por outra parte, movementos políticos denominados “liberais” dentro do económico, promoven unha “reconversión” e transformar en fonte de ingresos para o estado o que para outros e outras é simplemente a explotación de seres humanos por seres humanos, e isto inclúe tanto mulleres adultas como nenas.

Prostíbulo, prostitución
Prostíbulo, prostitución | Fonte: taringa.net

TRANSACCIÓN DE CORPOS

“Estamos diante do usufruto dos corpos das mulleres” afirma Pilar Estévez, da Plataforma Feminista Galega (PFG), que reforza o seu argumento con que “España está dentro do ránking de países que máis consumen prostitución”. Á parte por outro exemplo en relación cos tempos da COVID “porque pechan bares ou outros locais mentres os prostíbulos permanecen abertos durante a pandemia?

A cantidade de diñeiro que move a prostitución en España pode andar entre os 5 e os 6 millóns de euros diarios, segundo algunhas estimacións. Isto apúntao Paula Fraga, avogada que forma parte da Axenda Feminista Galega (AFG). Tanto Fraga como a AFG apostan pola abolición da explotación sexual de mulleres e nenas “porque en moitos países tamén se prostitúen nenas”. Ademais, Paula Fraga insiste que “non estamos diante dun traballo, estamos diante dun 85% de mulleres e nenas vítimas de trata e violencia continua”.

Isto último non foi impedimento para que estados como os Países Baixos “legalizasen” a prostitución, e fixérono baixo regras e leis laborais semellantes ás que tería calquera outro sector económico cos seus impostos e seguridade social. “Insisto, non é un traballo, por máis que digan, nos Países Baixos houbo unha actuación case reaccionaria porque coa suposta “legalización” o que fixeron foi lexitimar a escravitude sexual” destaca Paula Fraga. Alemaña seguiu o mesmo camiño en 2002, aínda que durante os últimos anos as protestas dos movementos abolicionistas e o recoñecemento do fracaso desta medida por parte da clase política, está levando a unha revisión desta legalización.

Club de estrada, prostitución. EUROPA PRESS - Arquivo
Club de estrada, prostitución. EUROPA PRESS - Arquivo

QUE PASA EN GALICIA?

O Estado español ten unha das lexislacións máis “indefinidas” sobre prostitución. Por unha banda, permanece nunha situación alegal, por outra é perseguida. O proxenetismo (os chulos) está prohibido mais si se poden abrir locais de alterne “grazas á reforma do Código Penal de 1995 onde existe a figura da “terceira locativa”, outra figura nacida fóra das leis en vigor, mais creada tanto para referirse aos propietarios dos locais, que non teñen por que ser proxenetas, ou tamén para xustificar condenas por obrigrar a mulleres a prostituirse.

A laxitude do modelo español alertou a sectores políticos e sociais para avisar ás autoridades de que España podería acabar sendo “o prostíbulo de Europa”. A lixeireza legal que paira sobre a trata de mulleres para a explotación sexual é o que permitiu ata o de agora que en Galicia houbese un número moi elevado de prostíbulos, (algunhas fontes consultadas falan de 8.000). Mais coa crise da COVID estes clubs están vendo diminuir a actividade en favor de pisos privados, onde é posible ter maior control sobre as mulleres que están dentro dese lugar.

“Teñamos en conta que quen paga por prostitución está exercendo maltrato ou violencia machista” afirma Paula Fraga. “E o mesmo que a violencia machista, arredor do putañeiro ou do consumo de sexo por pago, existe unha tolerancia social froito dunha sociedade patriarcal”. Aínda así, dentro do imaxinario colectivo, “ir de putas”, segue sendo en moitas ocasións un “rito iniciático” para adolescentes ou unha maneira de máis de adicción dentro do mundo adulto.

A TRATA

É moi difícil falar sobre este punto, aínda que as investigacións sobre prostitución en Galicia, sinalan que as mulleres explotadas sexualmente apuntan en primeiro lugar Rumanía, logo países do Golfo de Guinea como Nixeria e por último América Latina. “O proceder é simple, nos seus lugares de orixe ofrécenlles traballos de camareiras, empregadas do fogar, etc., mais cando chegan aquí a rede de trata, mediante a violencia, obrígaas a prostituirse”.

Non se sabe canto tempo poden estar dentro deste círculo, mais os proxenetas e as redes que están detrás, van movendo ás mulleres de prostíbulo en prostíbulo “para que os clientes non cansen delas”. Así durante o tempo que faga falla ata pagar a débeda ou ata que o grupo criminal decida desfacerse delas.

A postura dos movementos feministas varía, mais maioritariamente son abolicionistas. O goberno de Pedro Sánchez tense declarado abolicionista, mais de momento, a anunciada lei integral contra a trata de seres humanos está no aire. As actuacións contra as redes de explotación sexual non frean a chegada de máis vítimas do tráfico de persoas. Mais, a abolición e a represión legal abondan para frear a explotación sexual?

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta