Por E.P. | Santiago de Compostela | 15/10/2020 | Actualizada ás 16:35
O sector electrointensivo galego será esencial e estratéxico para a economía galega, segundo acordou este xoves o Consello da Xunta. Con este paso, o Goberno galego cumpre un compromiso adquirido o pasado mes de xullo, cando se presentou o plan da Xunta para esta industria.
Anunciouno o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, quen recordou as vantaxes que supón esta declaración a nivel tramitación para as empresas que queiran investir neste sector e puxo o foco no futuro da factoría de Alcoa en San Cibrao, en Cervo (Lugo), en "situación crítica".
Feijóo subliñou que, "tras as eleccións autonómicas", a Xunta "conseguiu" que o Goberno central "traballe xunto" a ela e o comité de empresa para tratar de solucionar "un problema" ao que se chega "tarde", aínda que lamentou que é máis complicado liquidar situacións cando "os problemas se deixan podrecer".
"Saudamos moito o cambio de actitude do Goberno central e o consenso do Congreso en relación con non descartar a posibilidade de intervir a factoría por parte da SEPI e do Goberno central", esgrimiu Feijóo, quen tamén agradeceu o "compromiso" do Executivo sobre a posibilidade de chegar a dar este caso "se fixese falta".
Non en balde, aínda que non perde "a esperanza" e aínda contempla algunha vía "para seguir negociando", confesou que ve máis lonxe que hai semanas unha posible "solución amigable" para a fábrica de Cervo. Por iso, destacou o paso dado este xoves pola Xunta, aínda que lamentou que faltan "ferramentas" que tería que impulsar o Executivo central para o sector.
"Seguimos sen un estatuto para as electrointensivas e sen un prezo competitivo", advertiu Feijóo.
En todo caso, identificou a declaración deste xoves como "unha mensaxe" da Xunta aos compradores de Alcoa ou a calquera compañía que queira investir nunha actividade que a Administración considera esencial para o crecemento e desenvolvemento económico do páis. En Galicia supón o 5,7% do valor engadido bruto (VAB) e representa case a metade (45,2%) do sector industrial.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.