A Xunta activa esta semana a comisión de seguimento da situación no río Eume e o abastecemento de Pontedeume

Neste contexto, tras analizar "diversas alternativas", Augas de Galicia concluíu que a medida "máis áxil e eficaz" é actuar sobre a potabilizadora "con sistemas que favorezan a coagulación e a decantación das partículas en suspensión" que provocan a turbidez.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/10/2020 | Actualizada ás 18:32

Comparte esta noticia

A Xunta activará esta semana a comisión de seguimento para avaliar a evolución da situación do río Eume e do abastecemento da auga de Pontedeume , despois de que o martes 13 de outubro se declarase a emerxencia pola turbidez do caudal e de que o pasado fin de semana o Concello prohibise o consumo directo da billa.

Na devandita comisión, explica o Goberno galego, estarán representados persoal de Augas de Galicia, de Endesa --empresa responsable da xestión do encoro--, os concellos de Pontedeume e de Cabanas, e Viaqua --concesionaria do abastecemento municipal--, aínda que é posible que se incorporen novos departamentos en función "da evolución da situación".

Por parte da Xunta, acudirán ás reunións deste organismo a directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez --quen exercerá de presidenta--, ademais do seu xerente, o titular da Subdirección Xeral de Xestión do Dominio Público Hidráulico e representantes do departamento de Obras e Calidade das Augas.

Precisamente, este sábado o Executivo galego anunciaba un investimento de 1,5 millóns para asegurar o abastecemento da poboación e mellorar a situación do río. A maior parte desta cantidade será para modernizar a potabilizadora municipal por considerar que "carece de cámaras de mestura de reactivos e auga bruta" e de "tratamentos físico-químicos", ademais de que o seu decantador é "excesivamente pequeno e con pouca capacidade de filtrado".

Neste contexto, tras analizar "diversas alternativas", Augas de Galicia concluíu que a medida "máis áxil e eficaz" é actuar sobre a potabilizadora "con sistemas que favorezan a coagulación e a decantación das partículas en suspensión" que provocan a turbidez.

Ademais, desde este venres, técnicos dunha empresa especialista en emerxencias ambientais recollen mostras na zona para "ampliar o alcance do seguimento" que se realiza a esta problemática.

Tamén ao longo da semana, a Xunta anunciou o inicio dun expediente sancionador a Endesa, como empresa explotadora do encoro do Eume, pola situación de turbidez xerada no río e polas afeccións ao abastecemento de Pontedeume, municipio que leva unha semana sen poder consumir directamente da billa.

Recollida de mostras de auga no río Eume.. XUNTA
Recollida de mostras de auga no río Eume.. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta