O comité de Alu Ibérica denuncia que a produción está "parada" na Coruña

A dirección afirma que os dous fornos "están a cumprir a súa función actualmente".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/10/2020 | Actualizada ás 12:17

Comparte esta noticia

O comité de empresa de Alu Ibérica na Coruña denunciou que "desde a metade da quenda desta noite (22,00 a 6,00 horas) a produción está parada por non abastecer Grupo Riesgo o aluminio de reciclaxe necesaria nin tampouco o aluminio primario (lingote LME) para mantela en marcha".

"Esta é a segunda vez que ocorre algo parecido, pois xa o 6 de outubro do presente ano a produción parouse un tres horas por falta de subministración de fuel, combustible necesario para manter acendidos os fornos de elaboración na fundición", advirten os representantes dos traballadores nunha nota de prensa.

Ante esta comunicación, a dirección de Alu Ibérica responde que, dentro do plan industrial deseñado para a planta de aluminio da Coruña, "contemplouse a reparación e posta en funcionamento do segundo forno da planta, o denominado forno 1B, co obxectivo de aumentar a produtividade". "Esta reparación finalizou o pasado mes de setembro", sinala.

Por iso, destaca que "os dous fornos actualmente en funcionamento conseguiron aumentar a produtividade da planta" e engade que, "de feito, esta pasada semana o nivel de produtividade situábase nun 15% por encima do previsto". "Cada forno ten unha función. Un está destinado á produción de aliaxe de aluminio, para o que fai falta aluminio primario; mentres, o outro se dedica á produción do material final. Ambos están a cumprir a súa función actualmente", asegura.

E afirma que "este feito entra dentro da máis absoluta normalidade operativa nos procesos industriais e é perfectamente coñecido polos traballadores da planta".

"SEN FUNDAMENTO"

Neste sentido, recrimina ao comité "este tipo de filtracións inxustificadas e sen fundamento", pois, subliña, "non responden á realidade de funcionamento da planta" e "só teñen por obxectivo a desestabilización de compañía e en ningún caso benefician aos traballadores".

A compañía conclúe que "avanza firme co seu plan industrial orientado a converter a planta de Alu Ibérica A Coruña nun eixo industrial do sector na produción de aluminio verde e circular".

Protesta do comité de empresa de Alu Ibérica na Coruña o xoves 15 de outubro. REMITIDA (COMITÉ DE EMPRESA)
Protesta do comité de empresa de Alu Ibérica na Coruña o xoves 15 de outubro. REMITIDA (COMITÉ DE EMPRESA) | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta