Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 19/10/2020 | Actualizada ás 18:44
Os técnicos de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente non detectaron "ata o momento" danos na fauna nin mortalidade nos peixes do río Eume, no que desde o martes pasado permanece activada a alerta pola turbidez da súa auga. Así o informa a Xunta, que tamén precisa que os axentes medio ambientais "seguen facendo un seguimento permanente" para verificar "que non cambian as condicións ambientais" do caudal e que, por tanto, non se producen afeccións nos ecosistemas.
Ademais, a Administración galega confirma que este martes ás 10,00 horas terá lugar a primeira reunión da comisión de seguimento da situación do Eume e do abastecemento de Pontedeume, cuxos veciños levan xa nove días sen poder consumir auga da billa.
Segundo avanza a Xunta, a primeira reunión desta comisión avaliará a situación que motivou que se declarase o pasado martes, 13 de outubro, a emerxencia no río, así como a posta en común de toda a información da que dispoñen as administracións autonómica e municipal e sobre a xestión do encoro.
Así mesmo, abordaranse actuacións xa realizadas e as que ten previsto impulsar Augas de Galicia para reducir a turbidez da auga co obxectivo de que sexa apta para o consumo, "en apoio ao Concello de Pontedeume no desenvolvemento das súas competencias municipais", remarca.
Precisamente, este sábado a Xunta anunciaba un investimento de 1,5 millóns para asegurar o abastecemento da poboación e mellorar a situación do río. A maior parte desta contía será para modernizar a potabilizadora municipal por considerar que "ten capacidades limitadas".
Neste contexto, tras analizar "diversas alternativas", Augas de Galicia concluíu que a medida "máis áxil e eficaz" era actuar sobre a potabilizadora "con sistemas que favorezan a coagulación e a decantación das partículas en suspensión" que provocan a turbidez.
Ao longo da semana pasada, a Administración autonómica tamén anunciou o inicio dun expediente sancionador a Endesa, empresa explotadora do encoro do Eume, pola situación de turbidez xerada no río e polas afeccións ao abastecemento de Pontedeume.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.