Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/10/2020 | Actualizada ás 17:07
A Xunta de Galicia apoia con preto de 240.000 euros o proxecto de Ficción Producións para levar á televisión a vida de Amancio Ortega na serie 'O home de Zara', que acaba de ser adxudicataria dunha subvención da Administración galega.
O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, acompañado do director da Agadic, Jacobo Sutil, reuniuse cos responsables da compañía compostelá, Mamen Quintas e Julio Casal, para coñecer de primeira man os detalles do seu proxecto, que están a desenvolver xunto a Amazon Prime Vídeo para a súa emisión nesta plataforma.
O ourensán Norberto López Amado será o director da serie, que, ao longo de oito capítulos, ofrecerá un percorrido pola traxectoria vital e empresarial de Amancio Ortega, inspirado na biografía escrita pola xornalista Covadonga O'Shea a partir das súas conversacións co fundador de Inditex.
Os capítulos, que se rodarán maioritariamente en Galicia, atópanse actualmente en fase de preprodución. Tamén para estes traballos previos, Ficción contou con apoio autonómico como adxudicataria en 2015 dunha das subvencións para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais de produción galega.
Con 'O home de Zara', a produtora galega repite alianza con Amazon Prime Vídeo despois de levar a cabo a produción internacional '3 Camiños', que ten previsto a súa estrea a principios de 2021. Neste caso, a Xunta foi a principal impulsora do proxecto, cunha subvención de 1,5 millóns de euros a través dunha convocatoria específica para o sector audiovisual galego, co obxectivo de difundir os valores do Camiño de Santiago e a imaxe de Galicia no exterior.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.