Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 21/10/2020 | Actualizada ás 19:51
A Real Academia Galega (RAG) celebra este xoves, a partir das 19,00 horas, a terceira xornada do simposio sobre Ricardo Carvalho Calero "na que se profundará na poesía, no teatro e na narrativa do protagonista do Día das Letras Galegas".
Farao, segundo informa a institución académica, coa presenza de Pilar Pallarés, Laura Tato Fontaíña e Henrique Rabuñal, nunha mesa que moderará a académica Margarita Ledo.
O simposio acabará o próximo 29 de outubro cunha sesión sobre as ideas lingüísticas de Carvalho Calero con Henrique Monteagudo, Serafín Alonso Pintos, Eduardo Maragoto e Rosario Álvarez.
No caso da intervención deste xoves, a poeta Pilar Pallarés abordará as ficcións do eu na poesía do autor mentres que a catedrática de Filoloxía Galega e Portuguesa da Universidade da Coruña (UDC), Laura Tato, realizará un percorrido pola traxectoria do autor como dramaturgo.
Mentres, o profesor e escritor Henrique Rabuñal, biógrafo de Carvalho Calero, falará da súa novela 'Scórpio e as mulleres'. A xornada poderase ver en directo a través de academia.gal.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.