A Xunta entra no Padroado da Fundación Sargadelos para impulsar a marca

A decisión coincide co centenario do nacemento de Isaac Díaz Pardo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/10/2020 | Actualizada ás 20:14

Comparte esta noticia

A Xunta pasará a formar parte do Padroado da Fundación Sargadelos tras un acordo conseguido coa dirección da firma que foi anunciado este luns na reunión deste organismo, á que asistiu o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez. A Fundación Sargadelos conta actualmente con representantes da empresa, o Concello de Cervo e persoas de prestixio no ámbito cultural e económico.

Tras o encontro, o conselleiro cualificou esta como "unha oportunidade fantástica para pór en valor, para impulsar e promocionar a innegable transcendencia e importancia que ten Sargadelos no seu conxunto na cultura galega".

O obxectivo desta acción, apuntou a Xunta, é impulsar a marca Sargadelos como "gran referencia cultural de Galicia", un nome que conta, ademais, "cun gran simbolismo de representación do país, cun papel preponderante durante o século XX, e para o conxunto da cidadanía". Esta colaboración coincide, ademais, coa conmemoración do centenario do nacemento do fundador de Sargadelos, Isaac Díaz Pardo. Con todo, a medida chega cando xa non hai ningún membro da familia de Díaz Pardo nesta empresa.

O conxunto da fábrica de Sargadelos en Cervo está declarado Ben de Interese Cultural (BIC) desde o ano 2014. Dentro deste recoñecemento inclúese, ademais da casa de Díaz Pardo, o edificio circular de Andrés Fernández-Albalat. O conxunto complétase cunha Escola de Tecnoloxía e Laboratorios, unha piscina descuberta, unha pasarela metálica e unha marquesiña de formigón.

REACTIVACIÓN DO COMPLEXO

A reactivación do complexo de Cervo, como "primeiro paso dun ambicioso proxecto autonómico", conta con varias iniciativas que serán recollidas nunha folla de ruta na que a Xunta de Galicia vai estar implicada co obxectivo de "pór en valor e difundir o legado cultural de máximo nivel" de Díaz Pardo e Luís Seoane, tendo tamén en conta a súa pegada tanto no Castro (Sada) como en Santiago de Compostela.

Neste sentido, tal e como lembrou o conselleiro, o pasado verán inaugurouse a primeira fase do Museo de Sargadelos, un proxecto expositivo no concello lucense que recolle a historia da fábrica de cerámica e que previu recuperar tamén a casa na que viviu Díaz Pardo.

Esta alianza coa Fundación Sargadelos coincide coa celebración do centenario do nacemento de Isaac Díaz Pardo, que a Xunta conmemorará cunha grande exposición na Cidade da Cultura, 'As miradas de Isaac', comisariada por dúas dos seus fillos, Xosé e Camilo Díaz Arias de Castro. 

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, participa na inauguración da primeira fase do Museo de Sargadelos.. XUNTA
O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, participa na inauguración da primeira fase do Museo de Sargadelos.. XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Está claro que nesta terra temos que morrer para que nos tomen en serio!