A outoniza moción de censura, que entupiu con follas podres os sumidoiros da política hispana, non era un obsoleto artefacto dos estandartes da extrema dereita, deseñado para colorear a pantalla do televisor coas diversas tonalidades da zuna que lle profesa Abascal ao Goberno de Sánchez e, de paso, deixar co cu ao aire as trécolas do tarambaina que lidera o Partido Popular. Non, que va! Esa retransmisión en directo do ideario político do centurión de Vox polos medios de comunicación, coa venia dos nosos ilustres representantes, malia a aparente discrepancia, só era a versión en tecnicolor dunha película de medo en branco e negro −branco agrisado e negro pálido− que, dende o primeiro día da transición, nos levan escorregando polos fociños os que mangonean o cotarro, onde a nosa cándida inocencia actúa coma unha escura cortina de fume, capaz de enmascarar a malévola serpe, encargada de pórnos a venda nos ollos, para que percibamos as cousas como nolas contan, no canto de deixárnolas ver tal e como son na realidade.
O feito de que uns xenófobos, que presumen de ir ben vestidos, aos que non só lles repugnan a educación e a sanidade públicas, saquen peito para declararse herdeiros do franquismo, mentres zarandean o feminismo ou acusan de criminais aos que non lle caen simpáticos, non debería servirnos de coartada para concluírmos que, mercé a esas actitudes arrepiantes, xa estamos en condicións de saber quen son os malos da película, ou os dun bando e os do outro.
Talvez cumpriría pensar sen présa, e así termos ocasión de deducir en que medida as falcatrúas da ultradereita serven para atoldar a maneira de entender a democracia, ou tinguir de gris marengo a palabra liberdade nos adormecidos catecismos ideolóxicos dos partidos sistémicos −PP, PSOE, C´s e UP− que nunca desaproveitan a ocasión para devalar e minguar os dereitos esenciais da cidadanía. E senón que nos expliquen, verbi gratia, porque branquean ao Emérito, permitíndolle que repita ao pé da letra as andanzas dos seus antepasados no cargo; ou porque despois de tantos anos seguen sen habilitar un sistema que non permita podrecer a xustiza e a cúpula que a goberna; ou porque non se lle ten ocorrido introducir na Constitución un artigo 135 social, capaz de blindar nos orzamentos futuros os recursos necesarios para financiar como Deus manda a sanidade e educación públicas; ou porque... Pois simplemente porque, nos seus febles principios, sobra bastante Vox e falta moito Nós.
[O meu tío Lisardo pensa que o tumor maligno do facherío patrio é a causa, mais tamén a desculpa, para que a metástase que corroe os nosos dereitos e liberdades nos desperte cada mañá con amargos descafeinados con moi pouco Nós e bastante sabor a Vox].