O gozo de pasear sen ir cara a ningures

«Por pequenos que sexan, os paseos lindos están case sempre inzados de formas e de poemas vivos, de feitizos e de belezas naturais» (Robert Walser, O Paseo)

Por Xosé Antón Jardón | Ourense | 31/01/2024

Comparte esta noticia
De todas as sensacións que somos capaces de percibir e sentir hai unha que carece de esencia, porque despreza as tonalidades grises, porque se conforma coa simpleza dos brancos e negros. Hai unha que extenúa as emocións, que nunca estimula ás neuronas sensoriais para que lle busquen acubillo nalgún recuncho da nosa memoria. É a que lle chamamos sensación térmica. De que vale que o noso coiro distinga o frío da calor, se ao corazón tanto lle ten? Mais, cando nos invade unha emoción, as neuronas a escape lle ordenan aos pelos da pel que se poñan de punta, ata arrepiarnos; ou axiña aguilloan as febras do corazón para que quente o sangue ata facelo referver, para causarnos goces e sufrimentos que, en infinidade de ocasións, fican gravados eternamente no noso álbum dos recordos. 
 
A insolente friaxe das tardes de xaneiro, aínda que o vento se desbrave e o silencio alcance a plenitude, será capaz de deixarnos tesos e converternos nun cacho de xeo, ou de depenar os carballos ata espilos completamente; mais só se conseguimos contemplar como as últimas follas se pousan delicadamente nas puntas das herbas, para acastañar o brancor da densa xeada que engorda na escuridade da noite, entón talvez poidamos notar a sensación de que algo fabuloso rebule na codia dos nosos adentros.
 
Onte, aí contra o mediodía, cando xa iamos chegando ao bar, decatámonos de que nos avistara Iolanda, malia atoparse case dentro. Agardounos engruñada, coa porta entreaberta, sen facerlle caso aos que lle berraban desde a barra, culpándoa das inclemencias do tempo.
 
Contounos que viña de pasear e canto lle fascina facelo nas mañás de xaneiro, malia as insufríbeis friaxes que conxelan a alma. Sentamos xuntos e, mentres tomabamos o café, narrounos os pormenores da súa doce andaina... a letra pequena das sensacións que, sen decatarse, xa escribiran un delicado poema no libro das súas lembranzas. 
 
Iolanda, cando pasea, non leva reloxo nin móbil, nin nada que se poida entremeter entre o seu corazón e a intemperie reinante: «Paseo sentindo os aloumiños do vento, gozando da sensación de apalpar a terra coa planta dos pés, capaces de trocar o piso dos zapatos nunha tea de seda. Vou facendo filigranas para esquivar as pucharcas e non atoldar a auga que, ás veces, reflicte as cores do ceo. Entusiásmame ir cara a ningures, sen atopar a ninguén, para poder tremelicar coas partituras que os chirlos dos pardaos, ao saír fuxindo das toxeiras, acaban tecendo canda os zunido e os asubíos do vento; para ver como unha manda de pombos que non quixeron marchar foxen voando, mentres as canas dos carballos e as froumas das xestas bailan cun ritmo incomparábel a fabulosa danza do sosego». 
 
[O meu tío Lisardo pensa que, en infinidade de ocasións, devecemos por atopar praceres inexistentes, desprezando as pequenas cousas que nos poden facer gozar ata extasiarnos completamente ]

Acceso ao camiño da fraga da Laracha
Acceso ao camiño da fraga da Laracha | Fonte: revolucionpermanente.es.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Antón Jardón Xosé Antón Jardón Dacal (Vilar de Santos, 1952), é Coordinador do Padroado do Museo da Limia. Colabora habitualmente con artigos de opinión e relatos en La Región, Galicia Confidencial, Praza.gal, Temposdixital e BadalNovas. Coautor dos libros A luz da chuvia (2019) e O Lebre das Casarizas, unha vida de máquinas e inventos (2019), ten participado en diversas publicacións colectivas: Limiaxinacións, Evocacións das Terras do Lethes (2009), Miguel, un cura grande en Parada de Outeiro (2009). Secretario-interventor de administración local xubilado, foi alcalde de Vilar de Santos, deputado provincial, vicepresidente da Federación Galega de Municipios e Provincias e Delegado da Consellería de Industria no bipartito.