Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/11/2020 | Actualizada ás 20:07
As entidades ecoloxistas Verdegaia e ContraMINAcción cargan contra as reformas administrativas que pretende impulsar a Xunta coa simplificación de trámites administrativos, porque buscan "favorecer os intereses do sector empresarial".
A través dun comunicado, a asociación Verdegaia manifesta as súas sospeitas acerca destas modificacións --como as da lei de reactivación económica post-COVID que o Goberno galego prevé aprobar en novembro--, nas que ve "unha nova ferramenta para eludir os trámites ambientais".
Ademais, este colectivo denuncia que a Xunta quere "que o financiamento desta reforma veña en boa medida dos fondos europeos" para paliar os efectos da pandemia. "Criticamos esta forma de establecer prioridades, que pon o acento, como vén sendo habitual, no lucro privado, en lugar de facelo no benestar público", engade.
Así, Verdegaia tacha de "mala noticia" esta reforma que, con todo, é un "chover sobre mollado", xa que outras leis anteriores --como a lei galega de implantación de iniciativas empresariais de 2017-- "ían na mesma dirección".
De feito, esta asociación pon o foco en proxectos "depredadores do territorio" e alertan de que "menos burocracia para empresas significará que non haberá tempo suficiente de exposición pública, alegacións e reclamacións" para os afectados. Fronte a iso, reclama que as tramitacións sexan "garantistas para o medioambiente".
Nesta mesma liña, o colectivo ContraMINAcción denuncia con outro comunicado que a Xunta quere "acurtar ata un terzo" a duración de todo proceso "beneficiando ás grandes corporacións empresariais eólicas e mineiras".
Nesta conxuntura, a plataforma avoga por pór "un pouco de 'sentidiño' común en tempos de coronavirus e máis garantías ambientais para protexer os recursos naturais de Galicia", á vez que reclama a paralización destas "políticas facilitadores" e que a Xunta utilice os fondos europeos "na sanidade, na recuperación e educación ambiental e no ensino".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.