Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/11/2020 | Actualizada ás 11:15
Axentes da Policía Autonómica en colaboración con Gardacostas investigan a 13 persoas por furtivismo e delitos contra a saúde pública na ría de Arousa no marco da operación 'Aixam', que comezou o mes de marzo.
Durante o estado de alarma observouse un aumento significativo de furtivos en praias de Boiro, Cabo de Cruz e Rianxo que dispuñan dunha canle para a venda de marisco. Despois de varios operativos localizouse a un comprador que o introducía "de maneira fraudulenta" na cadea alimentaria.
Este individuo compraba a ameixa extraída polos furtivos para trasladala nun vehículo ciclomotor a un parque de cultivo da súa propiedade en Carril. Alí, mergullaba este marisco na auga para "refrescalo e impedir que morrese". Despois, vendíao na lonxa coma se fose criado por el sen ningún tipo de rastrexabilidade nin medida hixiénica.
A operación concluíu cando os axentes sorprenderon a esta persoa no interior da lonxa de Carril ao tentar vender 27 quilos de ameixa.
INVESTIGADOS
Como resultado desta operación o home da lonxa de Carril está investigado por delitos contra a flora e a fauna, receptación e outro contra a saúde pública. Nun estudo realizado obsérvanse entradas anuais de 3.500 quilos na lonxa de Carril só de ameixas japónicas só deste home. Ademais, hai unha ducia de persoas investigadas por furtivismo. Tamén se identificaron 30 persoas, inspeccionouse un vehículo. O caso remitiuse ao xulgado de garda de Ribeira.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.