Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/11/2020 | Actualizada ás 17:25
O catedrático de Análise Matemática da USC Juan José Nieto e o profesor da Universidade de Vigo Iván Area desenvolveron un modelo matemático de predición para identificar cantos pacientes de covid-19 van necesitar de tratamento nunha unidade de coidados intensivos (UCI).
O patrón resultante, no que tamén participaron investigadores do Sergas, foi publicado na revista Alexandria Engineering Journal co título "Determination in Galicia of the required beds at intensive care units".
Tal e como recolle o comunicado da Universidade de Santiago de Compostela, Nieto e Area, aínda cos resultados da análise, consideran que as medidas a adoptar "non son evidentes". Con todo, inclínanse por "decisións globais ou en territorios moito máis amplos que os contemplados actualmente" e, vista a evolución da pandemia, recomendan "un confinamento real en Europa durante 15 días, con posteriores corentenas estritas para as persoas que entren no territorio".
Ambos os matemáticos subliñan que non incluíron a coñecida como inmunidade de rabaño no estudo ao non dispor de "suficiente información" sobre todas as posibles reinfecciones. É por iso que recomendan "moita cautela" ao falar deste tipo de solucións.
Os dous investigadores aproveitaron para recalcar "a necesidade para a ciencia de dispor de datos fiables e robustos". "A día de hoxe é difícil dispor de datos comparables entre distintos territorios e/ou estados, o que dificulta a análise da evolución da pandemia", interpretan.
UN MODELO EN DÚAS FASES
O proxecto, no que os matemáticos traballan desde o inicio da crise sanitaria, consta de dúas fases. Para a primeira, desenvolvida durante xaneiro e febreiro de 2020, delimitaron oito grupos de estudo: persoas susceptibles de contaxio, infectadas, recuperadas, asintomáticas, superpropagadoras, hospitalizadas, recuperadas e falecidas.
"Despois de estudar como son as transicións entre as distintas poboacións, realizouse unha análise matemática do modelo. As correspondentes simulacións numéricas resultantes axustábanse con bastante precisión aos datos que chegaban desde China naquel momento", sinalaron os investigadores. A aplicación destes parámetros permitiulles, detallan, predicir a principios de marzo "o maior pico de infeccións por covid para o día 5 de abril".
Unha vez conseguida a estimación da evolución de afectados, iníciase a segunda fase do modelo. Aquí, os investigadores da USC e a UVigo céntranse entón na predición do número total de persoas que van necesitar asistencia en coidados intensivos. Destacaron que esta parte da análise resulta "fundamental" por tratarse de recursos "altamente especializados que necesitan previsión e anticipación".
"Coas previsións ás que nos referimos pódese programar con algo máis de tempo. Cando teñamos que improvisar, improvisaremos, pero cando podamos planificar, planifiquemos", comentaron os matemáticos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.