Esta prohibición impediu a única iniciativa da Xunta (a do vixepresidente Anxo Quintana e do conselleiro Fernando Blanco no 2006) nestes trinta anos para lle dar carga de traballo aos activos ociosos de Navantia-Fene. Impediu que ésta puidese construir barcos,a pesar de se tratar dunha actividade na que estaba preparada para concorrer internacionalmente.
A suicida dependencia de Madrid neste eido non leva a ningures. Velaí a boa idea dos promotores da plataforma cidadá ferrolá “Rumbo 21”: compre segregarmos Navantia-Fene e artellala a xeito de empresa pública galega aberta á entrada de capital privado, no marco da consideración da construción naval como estratéxica para Galicia, que fixou a Lei galega de fomento do sector naval de 2010.
Mais esta independización da empresa non garante soa o éxito no relanzamento da construción naval en Ferrol, que require da continuidade da acción cidadá do cadro de persoal de Navantia-Fene e dos axentes sociais de Ferrolterra canda as Administracións Públicas para a construción do dique flotante e a inmediata fixación dun marco xurídico-financeiro (“tax-lease) viábel.
Unha nova política portuaria
Os pobres resultados acadados do grandisimo investimento feito no peirao exterior coruñés poñen o foco na falla de eficacia e profesionalidade dos seus dirixentes politicos. Compre rendibilizar este investimento no contexto da apertura inminente da Canle de Panamá, porque Galicia é central no transito maritimo entre América e Europa. Mais precisa asumir a xestion duns portos que España non sabe xestionar e, no caso da Coruña e Ferrol, fusionar a sua administración nunha Autoridade conxunta.