Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 15/11/2020
Velaí que extrañara, dende esa caste de enfoques, a chocante agresividade do presidente galego fronte á solución lexislativa pactada no Congreso que permite a cada Administración
autonómica a escolla da súa lingua vehicular, suprimindo a obriga do castelán para todo
o Estado que impuxera a Lei Wert, aprobada só cos votos do PP na lexislatura 2012-
2016.
Analisada no contexto político actual a actitude de Feijóo é chocante. A emenda aprobada no Congreso non lle impón á Administración galega ningunha solución. O que lle da é máis marxe de manobra. Pode ir cara un sistema de inmersión lingüística, mais tamén pode seguer co fracasado modelo actual. Por outra banda, o castelán é omnipresente e non precisa de protección ningunha, fronte ao galego que se atopa nunha grave situación de minorización, xerada en boa parte polas restricións normativas estatais e autonómicas ao seu pleno status de oficialidade. De feito o Consello de Europa ten denunciado o incumprimento da legalidade europea (“Carta Europea das Linguas”) por parte da Xunta, que veta na práctica o galego no ensino infantil e prohíbe dar aulas de matemáticas, física e química en galego.
Xa que logo, neste contexto a actitude de Núñez Feijóo afástao dos políticos moderados e útiles, que tentan xerar inclusión e cohesión social, como Urkullu ou os mesmos populares Pedro Puy e Xesús Palmou e achégao aos políticos dos excesos verbais, que xeran división social e non achegan solucións, como Abascal, Rosa Díaz ou Tony Cantó.
A actitude contra o galego de Feijóo enténdese, porén, en clave de distraer a atención da xestión sanitaria que está a desenvolver a Xunta. Porque nesta segunda ondada da pandemia Galicia ten ampla autonomía para desenvolver as súas solucións e botarlle as culpas ao Goberno do Estado xa non é a solución válida para todas as situacións. A evolución epidemiolóxica de Galicia non evolúe ben e soubemos esta semana que a Xunta faltara a verdade cando proclamara contar con 6.000 persoas rastrexadoras; só eran 700.
O resto é persoal de atención primaria do SERGAS, totalmente ultrapasado na súa capacidade de resposta. Núñez Feijóo sabe que arestora é él quen está á fronte e que a
resposta preventiva ten moitas eivas, nomeadamente nos centros de ensino de nas residencias da terceira idade.
O máis grave desta desaquelada opinión presidencial é que achega o PPdeG ao extremismo lingüístico de Vox, Cs e do PP de Madrid. E envían a clara mensaxe de que o Goberno galego non está nin polo uso nin pola promoción da única lingua que require de políticas de defensa e promoción neste país.