Pontevedra incorporará todos os seus remanentes ao orzamento de 2021: "Imos romper a hucha"

A partida de investimentos achegarase aos 20 millóns, dando lugar ao orzamento "máis alto da historia" do municipio.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/11/2020 | Actualizada ás 18:25

Comparte esta noticia

O Concello de Pontevedra incorporará todos os seus remanentes ao orzamento de 2021 para "reactivar a economía", de modo que a partida de investimentos se achegará aos 20 millóns de euros e será o orzamento "máis alto da historia" do municipio.

O concelleiro de Economía e Facenda, Raimundo González, avanzou este mércores en rolda de prensa que o goberno local de BNG e PSOE está a traballar na elaboración dun orzamento que superará os 100 millóns de euros o ano que vén.

"O que pretendemos é poñer todos os recursos e todos os instrumentos que teñamos á nosa disposición", remarcou, antes de engadir que o obxectivo é "recuperar a situación económica de Pontevedra e que volva estar en grella de saída e que teña os mellores resultados posibles".

A confección do documento orzamentario parte da aprobación por parte do Congreso dos Deputados, da suspensión dos tres principios fiscais da coñecida como 'Lei Montoro'. O concelleiro avanzou que para o ano 2021 "non vai haber molestias á débeda, nin ao teito de gasto nin á estabilidade orzamentaria".

DÚAS FASES

Segundo o edil nacionalista, "o marco no que nos movemos para este orzamento é diferente a exercicios anteriores". De modo que, con este punto de partida, o Concello está a elaborar un orzamento para 2021 en dúas fases: unha ordinaria que sería o equivalente a un orzamento normal e unha segunda fase, que se poría en marcha unha vez aprobada a liquidación do Orzamento de 2020, que incluirá "un paquete medidas potentísimo".

"Imos romper a hucha", afirmou Raimundo González, antes de engadir que "todo o remanente que teñamos se vai destinar a investimento ou a axudas económicas aos sectores afectados", xa que o Goberno Local está convencido de que "nesta situación económica tan dura e crúa, pensamos que era o momento de mobilizar todos os recursos".

Edificio Michilena, sede do servizo de persoal do Concello de Pontevedra
Edificio Michilena, sede do servizo de persoal do Concello de Pontevedra

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta