Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 23/11/2020 | Actualizada ás 14:49
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, suxeriu este luns que "probablemente", e "se se confirma" a boa evolución da pandemia en Verín, o comité clínico acordará deixar sen efecto as restricións de máximo nivel neste concello, o que suporía a reapertura da súa hostalaría e o levantamento do peche perimetral. Así o manifestou o titular de Sanidade en declaracións aos medios durante unha visita este luns ao hospital comarcal de Valdeorras, no Barco, desde onde abriu a porta a que o comité alivie as medidas nalgúns municipios da provincia.
"Gustaríanos que fosen varios. Todos temos na cabeza un que, probablemente, se todo se confirma mañá, poida saír desas restricións", explicou, en referencia a Verín, que nas últimas dúas semanas detectou entre un e nove casos de covid-19, segundo o mapa de incidencia que diariamente fai público Sanidade.
Preguntado sobre a situación da localidade da Rúa, onde o comité clínico ten posta a lupa desde hai "un par de semanas", o conselleiro limitouse a dicir que este órgano "segue pendente" cunha "monitorización a diario".
A Rúa ten unha incidencia acumulada a 14 días de 556,3 positivos por 100.000 habitantes, pero Comesaña apelou á prudencia porque o comité analiza "non só o número" de contaxios, senón "as condicións" nas que se producen.
Para esta análise, explicou que é "moi importante a información que traslada" a propia Área Sanitaria ourensá e, "en particular", o distrito de Valdeorras, porque informa os detalles de como son esas infeccións.
"Mañá tomaremos a decisión de seguir monitorando ou aplicar algún tipo de restricións, o cal nos gustaría que non sucedese. É un concello de poboación pequena e calquera pequena variación provoca cambios importantes nas incidencias acumuladas", proseguiu o conselleiro.
Sobre a situación epidemiolóxica de toda Galicia, Comesaña preferiu "pecar de prudentes" e "analizar os datos con moita cautela", porque igual que os contagios "baixan de forma rápida", poden "subir de forma rápida" tamén.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.