Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/11/2020 | Actualizada ás 18:42
Os sindicatos sanitarios Prosagap, Co-Bas e CESM na área de Pontevedra convocaron para este venres unha concentración na Praza de España na que, pertrechados con lanternas e velas, tratarán de "iluminar" os xestores da sanidade pública galega. A protesta terá lugar ás 19,00 horas.
Nesta concentración volverán esixir o cesamento da Xerencia da área Sanitaria de Pontevedra-O Salnés, e reivindicarán que todo o persoal sanitario conte coas medidas de protección imprescindibles para o seu traballo na loita que manteñen contra a pandemia.
A protesta deste venres pon fin ao calendario de mobilizacións desenvolvido este mes, no que estes sindicatos levaron a cabo catro concentracións no Hospital Montecelo e no Provincial.
As tres centrais sindicais reclaman, ademais, o cumprimento da Lei de Protección e Riscos Laborais (LPRL), do Estatuto Básico do Empregado Público (EBEP) e o Decreto 644 de Riscos Biolóxicos, tamén demandan máscaras FFP2 para todo a persoal da área Sanitaria, con equipos de protección individual adecuados ás tarefas que realiza cada un.
Na rolda de prensa celebrada este mércores, lembraron que é "imprescindible" a actualización de protocolos con adecuación á situación actual da pandemia, e o "control efectivo" das entradas e saídas dos hospitais con circuítos para os pacientes segundo as necesidades.
Enrique Marra, delegado do sindicato Médico de Galicia CESM; María Torre Almón, de Prosagap e Rafa Vázquez do sindicato Co-Bas concluíron cun chamamento á participación de todo a persoal da área Sanitaria de Pontevedra nesta concentración, que é "unha chamada de socorro" porque, segundo advirten, "a calidade asistencial que reciben os pacientes e a seguridade dos profesionais sanitarios está en xogo".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.