Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/11/2020 | Actualizada ás 21:45
O nacionalismo galego mobilízase contra a causa xudicial da Operación Jaro, no marco da cal en poucos días a Audiencia Nacional publicará as sentencias ás que se enfrontarán os 12 militantes independentistas de Causa Galiza e Ceivar no caso de que sexan condenados. Sobre os procesados pesan acusacións de enaltecemento do terrorismo e pertenza a organización criminal, polas que a Fiscalía española solicita penas que suman 102 anos de prisión.
Nun contexto de crecente tensión pola sentencia que se aproxima, o nacionalismo galego vén de lanzar un manifesto de solidariedade pedindo a liberdade para os presos independentistas. Segundo destaca a comisión creadora, o alegato contra o "tribunal político de excepción deseñado e motivado para a represión política" vén de ser asinado por "case 2.000 persoas de todo o estado".
Entre os asinantes do manifesto figura unha "ampla representación de todo o abano político nacionalista e independentista galego". Segundo a plataforma, o texto conta xa co apoio de Néstor Rego, Noa Presas, Montse Prado, Iria Carreira, Miguel Anxo Fernán Vello, Bieito Lobeira, Ánxeles Cuña Bóveda, Francisco Rodríguez, Antón Sánchez, Xosé Manuel Beiras e a eurodeputada do BNG Ana Miranda. No eido cultural destacan as rúbricas de Xosé Luís Méndez Ferrín, Suso de Toro, Carlos Taibo, Xurxo Borrazás, Anxo Angueira, Xurxo Souto ou María Xosé Silvar “Sés”.
O manifesto, explican, tamén "ten recollido o apoio e solidariedade de numerosas personalidades políticas e sindicais de fóra do país". Entre estes contan cargos de EH-Bildu como Arnaldo Otegi, Bel Pozueta ou Iñaki Ruiz de Pinedo, e da CUP; representantes de formacións políticas xuvenís de Asturies, Canarias e Castela; así como intelectuais ou xornalistas como Ramón Grosfoguel e Ralf Streck.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.