Temas: DIVORCIO XUSTIZA

Aumentan as rupturas matrimoniais un 25% en Galicia ao acabar a paralización da actividade xudicial pola pandemia

Na comunidade galega, os datos tamén reflicten que, por cada 10.000 habitantes, contabilizáronse 5,6 demandas durante o terceiro trimestre de 2020.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/11/2020 | Actualizada ás 16:21

Comparte esta noticia

O número de demandas de ruptura matrimonial --separacións e divorcios-- rexistradas en Galicia no terceiro trimestre do ano foi de 1.500, 301 máis que as presentadas no mesmo período do ano pasado, o que supón un aumento do 25%.

Así o indican os datos publicados este venres pola Sección de Estatística do Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ), recollidos nun comunicado do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).

As cifras correspondentes ao terceiro trimestre do ano presentan subidas interanuais en todas as formas posibles de disolución matrimonial, xa que este período --do 1 de xullo ao 30 de setembro-- sitúase inmediatamente despois do segundo trimestre --o máis afectado o confinamento--, no que se paralizaron todos os prazos procesuais.

Na comunidade galega, os datos tamén reflicten que, por cada 10.000 habitantes, contabilizáronse 5,6 demandas durante o terceiro trimestre de 2020.

En canto aos tipos de divorcio, o estudo indica que entre o 1 de xullo e o 30 de setembro, os divorcios consensuados aumentaron un 35,3% --de 631 en 2019 a 854--, e o non consensuados pasaron de 527 a 590 en 2020, o que supón un ascenso do 12%.

Os procedementos de separación tamén acusaron unha subida. As separacións de mutuo acordo pasaron de 30 en 2019 a 41 no mesmo período deste ano, mentres que das non consensuadas rexistráronse catro máis que en 2019 --11--, e alcanzan agora as 15 demandas.

Outro dos procedementos que máis aumenta segundo este estudo, son todos os relacionados coa garda, custodia e alimentos de fillos non matrimoniais.

Rexistráronse 317 demandas de modificación de medidas consensuadas, 140 máis que no terceiro trimestre do 2019 --177--, o que supón un incremento do 79,1%. Subiron tamén as medidas non consensuadas, das cales se rexistraron 334 este 2020 e 281 no mesmo período do ano pasado, o que representa unha subida do 18,9%.

AS RUPTURAS MATRIMONIAIS AUMENTAN EN TODA ESPAÑA

Os datos achegados pola Sección de Estatística do Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ) para o conxunto do país mostran unha subida do 16,6% nas rupturas matrimoniais.

En España, de media, rexistráronse 5,4 demandas de ruptura matrimonial por cada 10.000 habitantes. Segundo estes datos, Canarias e a Comunidade Valenciana son os territorios cun maior número de separacións e divorcios; 6,6 procedementos abertos en cada comunidade.

As modificacións de medidas de garda, custodia e alimentos de fillos non matrimoniais tamén subiron, tanto as consensuadas, que alcanzaron as 5.930 demandas --un incremento do 56,8% respecto ao ano anterior--, como as non consensuadas, que aumentaron nun 21,3% e chegaron aos 6.981 procedementos.

O estudo tamén recolle os datos sobre demandas de nulidade, 14 en 2020, un 16,7% máis ás presentadas no mesmo período de 2019. En Galicia, non se presentou ningunha demanda de nulidade matrimonial nin en 2019 nin en 2020.

Gráfico de EPData cos datos das rupturas matrimoniais de Galicia no terceiro trimestre do 2020.. EPDATA
Gráfico de EPData cos datos das rupturas matrimoniais de Galicia no terceiro trimestre do 2020.. EPDATA | Fonte: Europa Press

Temas: DIVORCIO XUSTIZA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta