Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/11/2020 | Actualizada ás 17:14
O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, e o conselleiro de Medio Rural, José González, asinaron este venres un convenio de colaboración que permitirá destinar un total de 130.000 euros á adquisición de produtos alimenticios de proximidade para destinalos aos diferentes comedores sociais e bancos de alimentos da Comunidade Autónoma.
En concreto, cada unha das entidades destinará 65.000 euros ao financiamento da iniciativa, que permitirá comprar alimentos a operadores integrados na marca Mercaproximidade, impulsada por Medio Rural para facilitar a comercialización de produtos agrogandeiros galegos de proximidade.
A Consellería de Medio Rural coordinará as demandas das iniciativas sociais e as ofertas dos provedores. A medida está deseñada para procurar a diversidade de provedores, de modo que o lote adquirido a cada un deles no marco desta campaña deberá ser sempre inferior a 15.000 euros.
PEGADA DE CARBONO
Priorizarase, a maiores, o criterio de proximidade xeográfica, procurando adquirir as subministracións a produtores da área na que se asente cada entidade social beneficiaria, contribuíndo tamén, deste xeito, á redución da pegada de carbono.
Aínda que o Regulamento de organización e funcionamento do Parlamento de Galicia sinala que as subvencións públicas a conceder pola institución non superarán o 80% dos gastos subvencionados, a Mesa da Cámara acordou recentemente unha disposición adicional que determina unha excepción puntual a esa limitación para actuacións encamiñadas a afrontar situacións de emerxencia social derivadas da covid-19. A reforma permite subvencionar o 100% dos gastos subvencionables, sempre que exista dotación orzamentaria.
O presidente do Parlamento explicou que este convenio se enmarca na "marcada vocación social" do Lexislativo galego, que se traduce en medidas de "amplo espectro" que abarcan desde o impulso da integración laboral de persoas con discapacidade, a firma de convenios de colaboración con diferentes entidades sociais para canalizar o seu asesoramento, a organización de actividades que contribúan a visibilizar a realidade dos colectivos con dificultades, a supresión de barreiras ou a liña de subvencións que desde hai anos outorgan a comedores sociais e bancos de alimentos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.