Verín volverá á rúa para apoiar o xefe de Xinecoloxía un ano despois da histórica protesta polo paritorio

'Castrillo non se toca' conta co apoio de BNG e PSdeG, pero tamén dos alcaldes e portavoces do PP da zona de Monterrei, que piden que se retire o expediente aberto este facultativo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/11/2020 | Actualizada ás 13:10

Comparte esta noticia

A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública dá Comarca de Monterrei convocou este luns 30, ás 11,00 horas e diante do Hospital de Verín (Ourense), unha concentración de apoio ao xefe de Xinecoloxía do centro, Javier Castrillo, unha das caras visibles das protestas contra o peche do paritorio -que posteriormente foi reaberto-.

O lema de 'Verín non se pecha' reconverteuse en 'Castrillo non se toca' e, segundo trasladou a Europa Press a portavoz da plataforma, Aurora Sola, confían en que "un apoio masivo" a esta protesta obrigue á Xunta a "rectificar" a apertura dun expediente a este xinecólogo, no que ven "unha vinganza política" pola súa posición en defensa do paritorio.

Os feitos que motivan o expediente remóntanse, precisamente, a hai un ano, cando o 30 de novembro -un día antes de que se fixese efectivo o peche do paritorio-, Castrillo mantivo unha discusión cunha pediatra desprazada a Verín que defendía o traslado dun bebé que acababa de nacer a Ourense (o que finalmente se fixo).

A Xunta, con Alberto Núñez Feijóo á fronte, defende que foi a pediatra a que denunciou os feitos, polo que a Administración cometería unha irregularidade se non incoase a correspondente investigación. Con todo, Castrillo ve "unha vinganza" do xerente do Sergas en Ourense, Félix Rubial.

Pero tamén ese mesmo 30 de novembro de 2019 as rúas de Verín acollían unha masiva manifestación en defensa de que o paritorio non se pechase no hospital comarcal. Outro factor determinante, segundo confirmou Aurora Sola, para fixar este luns a concentración de apoio ao especialista en Xinecoloxía. 

Manifestación en Verín en contra do peche do paritorio e outros servizos no Hospital comarcal. EUROPA PRESS - Arquivo
Manifestación en Verín en contra do peche do paritorio e outros servizos no Hospital comarcal. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press


"Reactivámonos en defensa dun profesional que o único que fixo foi defender os dereitos das nais e dos nenos", sentenciou a portavoz da plataforma, que pide o cesamento do xerente da área ourensá e a retirada do expediente.

APOIOS DA OPOSICIÓN E DO PP DA ZONA

De feito, avanzou que se o expediente -contra o que tamén cargaron PSdeG e BNG- non se retira, haberá máis mobilizacións. A causa foi sumando apoios políticos dos grupos da oposición autonómica -de feito, o líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, prevé acudir á concentración deste luns-, pero tamén de dirixentes populares.

Non en balde, os alcaldes e portavoces do PP das comarcas que acoden ao hospital de Verín asinaron un escrito no que apoian a "profesionalidade" do xinecólogo e reivindican a retirada do expediente.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Pedrín

Estaría ben saber que partido gañou as eleccións aí... Seguro que quedamos todos pampos da sorpresa...