O belén da covid: figuriñas con máscara, pozos de xel hidroalcólico e unha caseta "para pedir os ERTE"

Unha parroquia da comarca de Betanzos tira de ironía para adaptar o belén aos tempos da covid.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/12/2020 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

Que serán unhas festas atípicas xa quedou claro logo de que Goberno central e Xunta o repetiran por activa e por pasiva. Coas reunións familiares restrinxidas a un total de dez persoas e dous núcleos, todo apunta a que as grandes xornadas de celebración deste ano 2020 pasarán pola porta de atrás tinxidas de preocupación e malestar. Con todo, hai quen tira de ironía para celebrar un nadal atípico e particular.

O particular belén de nadal de San Pedro de Cambás, no concello coruñés de Aranga
O particular belén de nadal de San Pedro de Cambás, no concello coruñés de Aranga | Fonte: Veciños de Cambás

É o caso dos responsables do belén parroquial de San Pedro de Cambás, emprazado no concello coruñés de Aranga. Nesta pequena parroquia pertencente á comarca de Betanzos veñen de construír un belén que non dá puntada sen fío: en cada pequeno detalle da tradicional representación chiscan un ollo á actual situación sanitaria, dende o pozo de xel hidroalcólico ás propias figuras, ataviadas coa debida máscara.

Aínda que Xesús, María e Xosé non semellan estar a gardar a distancia de seguridade, cabe destacar que o portal si se atopa confinado e precintado. Á dereita deste, unha pequena caseta fai de "cociña económica cerrada por falta de alimentos", e xa no extremo da peza atopamos outra construción onde pastores e reis meigos poden facer "a solicitude do ERTE".

Os veciños da parroquia explican que quixeron tratar "un pouco de todo" nesta particular representación, que inclúe ao rei Herodes a piques de subir a un avión para "ir de festa cos reis e con algunha xente máis". Os reis meigos , por certo, traen o incenso e a mirra por SEUR como o máis da xente que está a mercar online. O toque críptico desta representación póñeno os cadaleitos diseminados pola escea en lembranza "da xente que morreu".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta