O proxecto Wert tenta revertir este proceso de mobilidade e inclusión, voltando a un ensino superior reservado ás clases privilexiadas, con certas concesións ao estudo de persoas moi brilantes a medio de bolsas. Velaí que no futuro sistema do PP poidamos aprobar cun 5, mais teñamos que acadar un 6,5 para obter ou anovar a bolsa, estruturada como unha excepción para “rapaces pobres con aproveitamento”.
Non existe un dereito absoluto a desfrutar indefinidamente de bolsas sen aproveitamento nin a accedermos ao ensino superior. Do que se trata é de garantirmos que os menos privilexiados vexan removidas as chatas habitacionais, culturais e mesmo alimentares para o seu acceso aos níveis educativos, sen que esas chatas sexan unha barreira infranqueábel. E de propiciarmos esa mobilidade social inseparábel da democracia.
O proxecto Wert limita moi substancialmente as bolsas e tenta desincentivar o acceso dos estudantes menos privilexiados ao ensino superior, agás os máis dotados intelectualmente. Na Galicia haberá reválidas nas que empresas contratadas polo Ministerio van corrixir ...os resultados educativos da Xunta de Galicia! Unha caste de señores de negro que cumprirán o plan de converter o ensino máis nun instrumento de adoutrinamento ca de cohesión social e preparación intelectual.
A arrincadeira: Galicia Bilingue na Academia de Belas Artes
Galicia Bilingüe ven de presentar a súa revista na sede da Academia Galega de Belas Artes, nun acto partillado polas Presidentas de cadansúas entidades. Esquecen a Presidenta Goicoa e demáis colaboradores de quenda que, no eido lingüístico, a autoridade é a Real Academia Galega. Unha Corporación de Dereito Público, que lle debe a súa sede e financiamento ás Administracións Públicas, non pode secundar teses de parte e menos as dun grupo que disinte de xeito radical dos valores de consenso lingúistico do Estatuto de Galicia.