Por que Galicia ten unha das taxas de fecundidade más baixas?

Os datos dun estudo mostran que malia que o territorio galego ten un dos índices de fertilidade máis baixos, paradoxalmente aumentou durante a última recesión económica, recurtando distancias coa media española.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 12/12/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Galicia é unha das autonomías con menores taxas de fecundidade (proporción de nacementos sobre o número de mulleres en idade fértil). Con todo, e paradoxalmente, o índice de fertilidade aumentou unha décima no territorio galego durante o último período de recesión económica. Así, pasou de 1,1 fillos por muller no período 2002-2009, a 1,2 no 2010-2017. Unha tendencia á contra do que aconteceu no conxunto de España, onde se observou unha diminución moderada da fecundidade, de 1,5 a 1,4 fillos por muller.

Muller embarazada
Muller embarazada | Fonte: Europa Press.

O período de recesión económica que comezou en 2008 permitiu así, sorpredentemente, recurtar de catro a dúas décimas a diferenza entre o índice de fecundidade en Galicia e a media do conxunto do Estado. Con todo, o territorio galego mantense entre as comunidades autónomas coas taxas máis baixas.

Así o reflicten os datos dun estudo realizado por investigadores das universidades de Zaragoza, a italiana de Macerata, a Estatal de Pensilvania (Estados Unidos) e o Instituto Nacional de Estatística de Italia.

Os expertos compararon os datos de fecundidade en España en dous períodos de expansión económica e recesión: 2002-2009 e 2010-2017. En conxunto, observaron unha “diminución moderada” da fecundidade a escala estatal (de 1,5 a 1,4 fillos por muller) e en todas as comunidades autónomas, “agás en tres zonas de baixa fecundidade”: Asturias (de 1,0 a 1,1), País Vasco (de 1,3 a 1,4) e Galicia (1,1 a 1,2).

Estas tres autonomías, polo tanto, tiveron unha tendencia contraria á xeral, con leves aumentos da fertilidade nun período marcado pola austeridade e os recortes económicos e sociais, o cal resulta sorprendente, xa que a priori unha situación de recesión económica se pensa que debería correlacionarse cunha menor disposición das mulleres e as súas parellas a ter fillos.

Pero os autores tamén chaman a atención sobre o caso de Melilla, cidade que xa lideraba a taxa de fertilidade e onde este índice tamén aumentou, coa maior suba, de 2,2 a 2,6 fillos por muller, tendo a maior taxa de fecundidade en España. Segundo estes investigadores, isto débese á “grande afluencia de marroquís nativos que se estableceron na zona e contribuíron a unha alta fecundidade”.

Situación similar dáse en Ceuta, “o segundo distrito máis fértil do país”, malia que a taxa caeu de 2,0 a 1,9 fillos por muller durante o período de estudo.

O maior descenso da fecundidade deuse en Baleares (de 1,5 a 1,3 fillos por muller), Andalucía (de 1,6 a 1,4) e Canarias (de 1,3 a 1,1). De feito, con esta caída de Canarias, Galicia deixou de ser a segunda autonomía coa natalidade máis baixa e pasou a ser a terceira, dúas décimas por debaixo da media española.

Como se observa nos mapas coas taxas de fertilidade elaborados polos investigadores, Galcia é un dos territorios con maior superficie branca, que indica áreas cunha media de menos dun fillo por muller, sendo as provincias de Lugo e Ourense as máis afectadas no territorio galego.

O mapa tamén evidencia que existe unha franxa –marcada en gris– que coincide co eixo atlántico e a AP-9, que conecta as áreas máis desenvolvidas e populosas, onde se detectan as taxas de fecundidade máis altas en Galicia.

Con todo, nos mapas que sinalan os concellos nos que non houbo nacementos, Galicia non se ve afectada, focalizándose o problema en zonas da Meseta Norte.

NORTE VS SUR

“O cambio máis evidente entre o primeiro e o segundo período foi o aumento dos municipios cunha taxa de fecundidade de menos dun fillo por muller e a consecuente diminución dos concellos con taxas superiores a dous”, detallan os autores do traballo.

Os datos mostran que máis da metade dos municipios do Estado (4.558 dun total de 8,115, o 56 %) experimentaron unha diminución na taxa de fertilidade durante a recesión.

Tamén se destaca que os concellos con alta fecundidade (máis de dous fillos por muller) se concentran “no sur de España, ao redor de grandes cidades como Madrid, Barcelona, ​​Valencia e Sevilla, ao longo da costa do Mediterráneo, no val do Ebro e no País Vasco”.

Durante o período de recesión económica, 3.716 concellos (46 % do total) rexistraron taxas de fecundidade por debaixo dun fillo por muller. No caso de Galicia, principalmente nas provincias de Lugo e Ourense, na Costa da Morte e nas áreas máis interiores de Pontevedra e A Coruña.

Os investigadores comprobaron que estes concellos de moi baixa fecundidade están, en conxunto, nunha elevación media de 872 metros sobre o nivel do mar e tiñan unha densidade de poboación media de 21 habitantes/km2 en 2017.

“Moitos destes municipios”, engaden, “concentráronse en zonas escasamente poboadas de España, con menos de 12 habitantes/km2, onde o baixo nivel de nacementos se asocia co despoboamento e o envellecemento”.

Outro dato a destacar é o número de concellos en España onde non se rexistraron nacementos durante 2010-2017, que aumentou de 573 a 745. “A maioría destes municipios (59,7 %) estaban situados na Serranía Celtibérica, o territorio menos poboado de España, cunha superficie de 69.875 km2 e unha densidade de poboación total de 7 habitantes/km2”, aportan no estudo.

Tamén se identificaron un total de 338 municipios sen nacementos tanto no primeiro como no segundo intervalo de tempo. Estes concellos, salientan, teñen unha altitude media de 1.053 metros sobre o nivel do mar e unha densidade de poboación media de 2 habitantes/km2 en 2017. “Neste conxunto de municipios, os procesos de envellecemento e despoboamento son os máis acusados​​en España”, comentan.

Por áreas máis estensas, observaron grupos de alta fertilidade ao redor de Madrid, ao longo da costa mediterránea, en Cataluña, País Vasco, Illas Baleares, Murcia e Andalucía. Mentres que os grupos de baixa fecundidade concéntranse no norte e noroeste: Castela e León, Galicia, Asturias, Cantabría, A Rioxa e occidente de Aragón.

Índice de fertilidade por períodos e territorios. Fonte: Burillo, P., Salvati, L., Matthews, S.A. et al.

TERRITORIO

2002-2009

2010-2017

Andalucía

1,6

1,4

Aragón

1,4

1,4

Asturias

1,0

1,1

Baleares

1,5

1,3

Canarias

1,3

1,1

Cantabria

1,3

1,3

Castilla y León

1,2

1,2

Castilla-La Mancha

1,5

1,4

Catalunya

1,6

1,5

Comunitat Valenciana

1,5

1,4

Euskadi

1,3

1,4

Extremadura

1,3

1,3

Galicia

1,1

1,2

Madrid

1,5

1,5

Murcia

1,7

1,6

Navarra

1,5

1,5

La Rioja

1,5

1,4

Ceuta

2,0

1,9

Melilla

2,2

2,6

España

1,5

1.4

ÁREAS RURAIS E MONTAÑOSAS

O modelo aplicado por estes investigadores evidencia “a importancia da elevación na distribución espacial das taxas de fecundidade en España”. Así, “os municipios planos e baixos tiveron taxas de fertilidade sistematicamente máis altas que as áreas montañosas e de terras altas en ambos os dous períodos de observación”, explican.

Por outro lado, a fecundidade aumentou “significativamente” nos concellos con densidades de poboación media e alta e taxas positivas de crecemento poboacional. Pola contra, os niveis de fecundidade diminuíron nas zonas con acceso limitado á capital provincial e a capital autonómica. Mentres que “a proximidade á costa do mar non foi un factor significativo na variabilidade espacial dos niveis de fecundidade en España”, apuntan.

Os autores consideran que o seu estudo bota “luz sobre o vínculo latente entre a fecundidade e o despoboamento nos municipios rurais”. E subliñan que, “como era de agardar, os municipios de baixa fecundidade corresponden a localizacións rurais (menos de 50 habitantes/km2) ou híper-rurais (menos de 10 habitantes/km2)”, que “se caracterizan por unha accesibilidade viaria limitada, envellecemento demográfico, abandono de terras e unha intensa diminución da poboación”.

“A nosa análise indica que os grupos de alta fecundidade se restrinxiron progresivamente aos distritos suburbanos e as zonas rurais de alta accesibilidade, proporcionando a maior contribución á fecundidade española”, clarifican os expertos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 Gamela

Cando falabamos de impulso demográfico xa estaba claro que ese impulso virá de fóra ! Melilla coa maior taxa de fecundidade, o noso plan de recuperación vai por bo camiño https://i.gal/gam25

1 Gamela

Hoxe enviamos unha ampliación en 8 puntos básicos do Proxecto de Recuperación ao Parlamento de Galicia, neste fío podes debatir se ten ou non sentido unha intervención decidida e unha aposta clara polo impulso demográfico (?) https://twitter.com/00Gamela/status... Se prefires entablar "diálogo" cos Grupos Parlamentarios aquí está o enlace: http://www.parlamentodegalicia.es/P... En Nadal sempre hai tempo para case todo...