Feijóo anima aos 3.000 participantes de Galiciencia a ser "os protagonistas da innovación do futuro"

A feira comezou cun gran espectáculo de ciencia no que os participantes tiveron a oportunidade de coñecer cales serán as tecnoloxías máis innovadoras no futuro.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/12/2020 | Actualizada ás 15:08

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, participou este mércores de forma telemática na inauguración da edición número 15 de Galiciencia, un acto no que instou aos máis de 3.000 participantes nesta feira --este ano virtual-- a ser "os protagonistas da innovación do futuro", tal e como reza a súa lema.

Debido ás restricións provocadas pola actual situación sanitaria, esta edición é en liña e, por tanto, ábrese a participantes de todo o Estado. Pode seguirse en directo a través da canle de Youtube de Tecnópole e da web www.galiciencia.online.

Ante os participantes, Núñez Feijóo dixo que este ano Galiciencia "é diferente porque nada é igual desde que comezou a pandemia". "Toca adaptarse a esta realidade e por iso a maior feira científica de Galicia reinventa o seu formato e presenta a súa primeira edición cento por cento en liña, todo un reto para Tecnópole, que ao longo destes meses realizou un gran traballo para trasladar esta feira ao mundo dixital e abrila a moitos máis participantes tamén fóra de Galicia", destacou.

Así mesmo, puxo en valor que este encontro ofrece á mocidade "a oportunidade para achegarse á ciencia dunha maneira diferente á que se fai nas aulas, xogando e competindo sanamente para ver cales son os mellores proxectos".

A maiores, fixo fincapé na importancia da ciencia: "Estamos ante unha crise sanitaria e económica para a que só a ciencia pode dar respostas. Non estamos a buscar solucións, medidas e tratamentos só para mañá, senón tamén para o longo prazo, porque a Galicia que vós ides herdar así o necesita", engadiu Núñez Feijóo.

UN GRAN ESPECTÁCULO DE CIENCIA

A feira comezou cun gran espectáculo de ciencia no que os participantes tiveron a oportunidade de coñecer cales serán as tecnoloxías máis innovadoras no futuro. En concreto, achegáronse á intelixencia artificial, á realidade aumentada e realidade virtual, á neurociencia e mesmo á ciberseguridade e ao mundo hacking ou pirateo informático.

Ao longo da mañá, os mozos e mozas puideron coñecer se as súas contas foran hackeadas, desenvolveron experimentos de recoñecemento de imaxe e fixeron karaoke a través dun xogo de simulación. Tamén se celebrou a final do Desafío 'Atrévete coa innovación do futuro', na que os grupos participantes tiveron que facer fronte a unha serie de retos vinculados coa innovación.

Galiciencia continúa este xoves e o venres con varios talleres para estudantes de Primaria e Secundaria. En concreto, os estudantes de Primaria achegaranse ao mundo da electricidade e os de Secundaria, pola súa banda, terán a oportunidade de coñecer máis de preto os segredos da chamada cociña molecular.

Galiciencia 2020. GALICIENCIA
Galiciencia 2020. GALICIENCIA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta