Por E.P. | Santiago de Compostela | 16/12/2020 | Actualizada ás 13:52
Greenalia completou "con éxito" unha emisión de bonos senior no Mercado Alternativo de Renda Fixa (MARF) por importe de 55 millóns de euros, segundo informou a compañía, que explicou que, inicialmente, a emisión estaba prevista para 50 millóns de euros pero, a última hora, e debido á "cantidade e calidade" da demanda, ampliouse ata os 55 millóns. Parte deste diñeiro servirá para financiar os proxectos previstos en Galicia, algúns deles en áreas protexidas.
O importe nominal unitario de cada bono, destinado a investidores cualificados, foi de 100.000 euros, cun prazo de vencemento de 5 anos e un cupón do 4,95% anual pagadeiro semestralmente. Esta empresa fichou hai uns meses a ex conselleira de Emprego con Feijóo, Beatriz Mato.
Cos recursos captados, Greenalia financiará o seu "ambicioso" plan de crecemento, desenvolvendo unha parte "moi relevante" dos proxectos de xeración de enerxía renovable que ten na súa carteira, o que a converterá en "un dos actores máis relevantes do sector en España", segundo a compañía.
Actualmente, Greenalia conta con 24 MW eólicos e 50 MW de biomasa en desenvolvemento, 22,5 MW en fase de proba, 28 MW en construción (con expectativas de posta en funcionamento para o segundo trimestre de 2021) e 135 MW en tramitación.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.