A loita de Verín un ano despois: máis nacementos, poucos profesionais e expedientes abertos

Un ano despois do intento de peche do paridoiro de Verín os e as profesionais sanitarias seguen denunciando a escasa atención ao hospital comarcal por parte da xerencia de Ourense. Os argumentos para pechar o paridoiro quedaron desmontados segundo fontes sindicais. Agora o expediente a un xinecólogo fai sospeitar a parte do persoal e da veciñanza de que existen motivos “escuros” que buscan continuar a política de desmantelamento do centro hospitalario.

Por Moncho Mariño | Verín | 17/12/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O baixo número de nacementos atendidos no paridoiro de Verín foi un dos argumentos que o xerente da área de Ourense, Félix Rubial, sinalou para xustificar o peche do servizo. Outro punto foi a “falta de pericia” dos profesionais para atender partos no centro hospitalario comarcal. Isto último acabou por anoxar aínda máis aos sanitarios que consideraron as palabras do xerente como un insulto á súa profesionalidade.

Enterro simbólico dos servizos do Hospital de Verín. XUNTOS POR VERÍN - Arquivo
Enterro simbólico dos servizos do Hospital de Verín. XUNTOS POR VERÍN - Arquivo

A poboación da comarca tamén estaba concienciada ante a rebaixa de servizos no centro sanitario así como no centro de saúde verinés. Convocáronse manifestacións en protesta e a que ía ser a maior contra os recortes acabou sendo unha manifestación contra o peche do paridoiro. “A Verín veñen persoas da comarca de Monterrei e mesmo da Alta Sanabria, en Zamora, lugares de difícil acceso e moi lonxe de hospitais como o de Ourense” di Aurora Sola da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Monterrei.

MÁIS DE CEN NACEMENTOS EN MENOS DUN ANO

A cuestión sobre o descenso de nacementos foi moi cuestionada polos equipos de sanitarios de Verín. As cifras apuntan a un descenso xeral de nacementos en toda a provincia de Ourense, din forzas sindicais e sociais das comarcas afectadas de Verín e Monterrei. “Nun momento falaron só de 47 partos no comarcal de Verín, un dato que non era real porque se efectuaban moitas derivacións para Ourense” di Eva Fernández da CIG. “Este ano de 2020, sen contar xaneiro houbo máis de 100 partos no paridoiro de Verín cousa que demostra as derivacións que se facían ao CHUO” sinala Pilar González da UGT.

Aurora Sola remarca que nunca se deran problemas no paridoiro de Verín. “Os datos sobre nacementos que exhibiu a xerencia de Ourense non eran certos, porque estaban derivando a Ourense”.  “Si é certo que se derivaban partos complicados a Ourense, mais desde febreiro de 2020 os traslados ao CHUO non superaron os dez” sinalan desde o sindicato Prosagap Verín. Desde esta formación insisten en que as distancias entre as poboacións que atende o comarcal e a capital ourensá son un risco engadido en caso de parto complicado. “Son setenta e cinco quilómetros desde Verín, Viana está a máis de cen, e queren que vaian dar a luz a Ourense?”

Manifestación en Verín en contra do peche do paritorio e outros servizos no Hospital comarcal. EUROPA PRESS - Arquivo
Manifestación en Verín en contra do peche do paritorio e outros servizos no Hospital comarcal. EUROPA PRESS - Arquivo

“Estamos no rural e unha persoa que queira ir a unha clínica privada a Ourense ten que ir en autobús que ao mellor só hai un por día, senón ir en taxi” di Eva Fernández. Existen núcleos de poboación dispersos que teñen unha conexión moi complicada coa capital provincial. As fontes sindicais tamén apuntan a que as derivacións cara Ourense suporían un aumento das cifras de nacementos nos paridoiros da capital. Isto último axudaría a xustificar a centralización de servizos nun único centro.

FALTA DE PROFESIONAIS, PRAZAS SEN CUBRIR

O equipo de xinecólogos no Hospital de Verín é de tres profesionais oficialmente. “Realmente aí traballan dous, porque o terceiro aínda que ten praza nese hospital comarcal cousa que figura no DOG, nunca traballou presencialmente en Verín”. Este profesional exerce os seus labores no CHUO segundo informan desde UGT Sanidade en Ourense.

A falta de persoal para atender as diferentes especialidades implica ás veces que profesionais do Hospital Comarcal cubran servizos correspondentes a Atención primaria por exemplo. “No centro de saúde de Verín non hai matrona, entón o traballo de seguemento das nais de neonatos fano especialistas do hospital de maneira telemática” di Pilar González. Dito traballo faise fóra do horario laboral e sen remuneración.

Ante a ausencia dun número axeitado de pediatras, o xefe de Xinecoloxía do hospital, Javier Castrillo, chamou unha profesional para atender en pediatría hospitalaria. Agora mesmo está en réxime de interinidade. Con todo, a falta de persoal e medios segue sendo preocupante segundo Prosagap. A isto sumaríaselle o desmantelamento material da sección de xinecoloxía co traslado de mobiliario a outros centros. “Só buscan o recorte da sanidade pública, nada máis”.

Postos en contacto coa xerencia do CHUO para poder falar co seu titular, o doutor Félix Rubial, non houbo ningún pronunciamento pola súa parte. Desde o gabinete de prensa da Xerencia apuntouse que, no tocante ao expediente aberto ao xinecólogo de Verín, Dr. Castrillo “derivado da denuncia doutra especialista” estao seguindo o Servizo de Inspección Sanitaria.

Sobre este tema tanto as plataformas cidadás como a maioría de sindicatos piden a dimisión ou cesamento de Rubial. A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Monterrei comezou unha recollida de sinaturas para pedir declarar persoa non grata en concellos da comarca a Félix Rubial. Mentres tanto, sindicatos como Prosagap cren que este expediente responde a outras intencións fóra das sanitarias e disciplinarias.

Varias persoas maniféstanse diante do Hospital de Verín para apoiar ao xefe de Ginecología, Javier Castrillo.. Rosa Veiga - Europa Press
Varias persoas maniféstanse diante do Hospital de Verín para apoiar ao xefe de Ginecología, Javier Castrillo.. Rosa Veiga - Europa Press
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta