Galiza pola República acusa á monarquía borbónica dunha "actuación corrupta continuada" e pide xuízo

A Plataforma, que naceu en xullo do 2019 na comarca da Coruña, loita polo dereito da sociedade a decidir e esixe que o monarca se presente ante a Xustiza.

Por Jessica Fernández | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/12/2020 | Actualizada ás 14:20

Comparte esta noticia

Galiza pola República e polo dereito a decidir considera que a fuxida do rei emérito Juan Carlos I aos Emiratos Árabes Unidos, se levou a cabo "grazas a un plan acordado pola Casa Real e o Goberno".

O rei emérito
O rei emérito | Fonte: RTVE

Segundo a plataforma, o rei emérito non ten ás súas costas "presuntos” casos de corrupción, senón que a monarquía borbónica leva anos desenvolvendo unha "actuación corrupta continuada recoñecida polo propio Felipe VI cando en marzo de 2020 comunicou que renunciaba a figurar como beneficiario das fundacións Lucum e Zalatka".

Para reforzar estas declaracións, Galiza pola República apóiase na sentencia da Axencia Tributaria que comunicou, a petición do xuíz, que "Juan Carlos I non tributou por esas fundacións, bens e contas ocultas no exterior". 

Desde a Plataforma esixen que se investigue e se xulgue ao rei emérito polos casos de corrupción nos que aparece como comisións cobradas pola compra de petróleo a países árabes, regalos a amigas ou amantes, diñeiro entregado polo empresario Ruiz Mateos para evitar a expropiación de Rumasa... 

"Juan Carlos de Borbón debería ser obrigado a regresar e presentarse ante a Xustiza para dar explicacións sobre eses casos de corrupción. Queremos que sexa xulgado por todos os posíbeis delitos cometidos antes de 2014, cando abdica, e despois de 2014".

"A MONARQUÍA É HERDEIRA DO FRANQUISMO"

A monarquía Borbónica instaurose trala morte de Francisco Franco e o ditador designou a Juan Carlos I como rei de España. Por isto, moitos, como Galiza pola República, defenden que "a monarquía é herdeira do franquismo". Ademais, o rei emérito, durante os seus anos de reinado, nunca denunciou a ditadura de Franco, que si foi condenada por Nacións Unidas.

Nos últimos anos moitos foron os altos mandos militares que se alzaron e se pronunciaron a favor ou con nostalxia cara o franquismo e isto tamén é denunciado pola plataforma, que esixe "a destitución inmediata de todas as persoas militares que fan declaracións ou apoian manifestos franquistas contra o goberno, así como a retirada de distincións e privilexios económicos e militares a aqueles que participan neste tipo de pronunciamentos".

A SOCIEDADE MOBILIZADA

Por outra banda, cada vez hai máis persoas, sobre todo a rapazada, que promoven mobilizacións e manifestacións nas que esixen claridade nos casos de corrupción que rodean á Casa Real. "A sociedade está reaccionando e mobilízase para acabar con esta monarquía caduca e corrupta", defenden desde Galiza pola República. 

Pero tamén os concellos están a iniciar accións en contra do rei emérito, xa que o 13 de novembro o Pleno de Pontevedra aprobou “iniciar o expediente para retirar a avenida Juan Carlos I, así como todo tipo de honores e distincións concedidas ao monarca”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 José

Xuizo ao vello? por qué non auditoría ao novo?

1 Min

A que esperas?, reclama ti esa auditoría xa! Veña, veñá!! Dálle!