Por Alberto Quian | Santiago de Compostela | 25/12/2020 | Actualizada ás 22:00
Malia o uso predominante do granito, en Galicia utilizáronse tamén en tempos do Imperio Romano mármores importados, pero tamén locais, con finalidades arquitectónicas e escultóricas. Así o constatan os investigadores que desde 2012 veñen desenvolvendo o proxecto ‘Marmora Galicia’ para estudar o uso desta rocha calcaria metamórfica en época romana e tardorromana no Noroeste peninsular.
Ata mediados de 2018, os científicos identificaran 168 pezas arqueolóxicas destas épocas e de moi diferente natureza, ás que se uniron, ao longo daquel ano, outras 17 pezas de época altomedieval procedentes na súa maioría da Catedral de Santiago de Compostela e do seu museo catedralicio.
O volume deses achados sorprendeu aos investigadores: “Sen dúbida, en termos xerais, trátase dun número moi superior de pezas do que inicialmente supuxeramos”, afirman.
O traballo está sendo desenvolvido por un equipo de investigadores de Galicia (Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo), Cataluña (Institut Català d'Arqueologia Clàssica), Madrid (Institute for Advanced Study) e Francia (IRAMAT-CRP2A, Universidade de Burdeos).
Ademais da identificación de pezas arqueolóxicas marmóreas no territorio galego, tamén se estudou un importante número de canteiras locais e documentáronse as características dos diversos tipos marmóreos identificados, que foron incorporados ao corpus de referencia de materiais hispanos.
"Malia o uso predominante do granito, en Galicia utilizáronse tamén mármores importados e locais"
“Os resultados obtidos ata a data mostran que, malia o uso predominante do granito, en Galicia utilizáronse tamén mármores importados e locais con finalidades moi concretas, asociadas a fenómenos de prestixio, que nos falan de posibles talleres locais e dunha distribución de materiais a moi longa escala temporal e espacial”, explican os autores.
A relevancia destas achegas é substancial, xa que, como sinalan estes científicos, “existía un baleiro significativo” na investigación sobre o uso do mármore en época romana en Galicia.
Os achados feitos permiten afirmar agora que, contra o que se pensaba, a Gallaecia non estivo illada dos circuítos comercias tecidos por Roma e estivo tamén influída polo uso do mármore como símbolo de poder.
“É probable que a tradición historiográfica tivese algo que ver nese baleiro documental. Aínda que partiamos dunha visión limitante de Galicia como unha Fisterra atlántica illada dos circuítos comerciais e con pouca capacidade ou interese polos estándares de luxo e prestixio desenvolvidos pola metrópoles, afortunadamente esa percepción cambiou de forma progresiva e significativa grazas aos numerosos traballos de investigación arqueolóxica que se foron publicando nas últimas décadas. Con todo, o estudo do mármore como elemento para analizar a economía, cultura e sociedade do noroeste peninsular foi cando menos obviado nesta nova dinámica de estudos”, detallan os responsables do proxecto.
Conscientes desta realidade, os científicos puxeron en marcha en 2012 o proxecto ‘Marmora Galicia’, coordinado por Silvia González Soutelo (Madrid Institute for Advanced Study - MIAS e Departamento de Prehistoria e Arqueoloxía da Universidad Autónoma de Madrid) e Anna Gutiérrez García-M (Institut Català d'Arqueologia Clàssica - ICAC).
'Mármora Galicia' é o primeiro estudo detallado das canteiras locais subministradoras de mármore na Gallaecia
Como primeiro paso, fixeron un inventario detallado dos obxectos marmóreos de época antiga achados en Galicia. A maioría deses obxectos identificados consérvanse en diferentes institucións museográficas galegas e os científicos destacan “o elevado número de materiais conservados ou reutilizados en xacementos arqueolóxicos e igrexas repartidas por todo o territorio”.
Este traballo de catalogación foi acompañado polo que, din, é o primeiro estudo detallado das canteiras de Galicia para localizar posibles zonas subministradoras desta rocha e coñecer en profundidade os recursos marmóreos explotados na Gallaecia. Así, definiron oito distritos canteiros con diferentes variedades de mármore.
CATÁLOGO DE MÁRMORES
Tras a localización do conxunto de obxectos marmóreos de época romana e tardorromana identificados, os investigadores atopáronse cun problema para o estudo desas pezas: “É que fundamentalmente estamos ante materiais descontextualizados ou sen referencias estratigráficas que permitan unha cronoloxía precisa ou unha adecuada interpretación do seu achado”, recoñecen.
De feito, un bo número desas pezas atópase nos depósitos antigos de institucións museográficas, un total de 73 das 168 pezas, o 43,45 % do total. “E en moitos casos a información sobre a súa procedencia é limitada ou nula”, explican.
Sábese que, nunha alta porcentaxe, estas pezas de mármore foron localizadas, conservadas ou utilizadas orixinalmente en igrexas ou capelas
Outras 82 pezas (47,62 % do total) atópanse “en posición secundaria dentro de monumentos ou edificios de diferente entidade, sendo maioritariamente reutilizadas en igrexas, tanto exentos como integrados na construción”.
Isto contrasta co limitado número de pezas conservadas in situ no lugar para o que foron creadas –só oito (4,76 % do total)– ou noutras localizacións, maioritariamente reutilizadas en vivendas –7 pezas; 4,17 %–.
Con todo, sábese que, nunha alta porcentaxe, estas pezas de mármore foron localizadas, conservadas ou utilizadas orixinalmente no contexto de igrexas ou capelas (117 pezas; 69,64 % do total).
Maiormente trátase de elementos arquitectónicos (118 pezas; 70,24 %), que se dividen en capiteis (57 pezas; 48,31% do total de elementos arquitectónicos), fustes (25 pezas; 21,19 %), basas (11 pezas; 9,32 %), canceis (14 pezas; 11,86 % do total), partes de pilastras ou bloques marmóreos (6 pezas; 5,08 %), limiares (3 pezas; 2,54 %) e outros.
Tamén se atoparon aras, placas e soportes epigráficos –con e sen inscrición–, sartegos, representacións escultóricas e outros materiais como morteiros, un crismón, placas de revestimento ou fragmentos de elementos decorativos con baixorrelevo.
CANTEIRAS DE MÁRMORE EN GALICIA
No traballo de investigación definíronse, ademais, oito zonas canteiras de interese en Galicia e O Bierzo, algunhas das cales agrupan diferentes pedreiras con variedades distintas de mármore.
Estes distritos configúranse en Galicia, de norte a sur, ao redor de Mondoñedo, Gondrame (O Páramo), O Incio e Triacastela (na provincia de Lugo) e O Barco de Valdeorras (Ourense).
As canteiras de mármore do Incio son as mellor estudadas, xa que foron as primeiras en recibir a atención dos investigadores
O distrito canteiro do Incio é o “mellor estudado”, xa que foi o primeiro en recibir a atención destes investigadores. Comprende as canteiras situadas na contorna inmediata ao concello (canteira alta-Hospital e canteira baixa-Pacios) e outras frontes de explotación documentadas en Santa Cristina e Buxán, a canteira de Cadamonte situada en Vilamor de San Salvador do Mao, e outra canteira (A Perla), pertencente ao concello de Samos, pero só a 7 km do Incio. Mediante análises arqueométricas púidose constatar o emprego do mármore nesta zona en época romana.
Da canteira de Gondrame, os científicos destacan o “grande interese” do mármore desta área, xa que se distingue doutras variedades marmóreas en Galicia, “presentando similitudes con algunhas pezas romanas documentadas na zona”, describen os investigadores, que destacan a súa proximidade ao concello de Portomarín, onde existe “unha igrexa románica enteiramente construída neste mesmo tipo de mármore”.
As canteiras máis ao norte, as do distrito de Mondoñedo, “seguen máis activas na actualidade, fundamentalmente para a produción de cal, con máis de 12 canteiras entre as existentes no mesmo concello de Mondoñedo e as que se atopan na veciña Lourenzá”, detallan os autores, que remarcan que “algunhas variedades de mármore desta zona suxiren que o seu uso podería remontarse como mínimo a época medieval”.
Tamén destacan o grupo de canteiras situadas preto de Triacastela, “interesante desde o punto de vista histórico, pola súa situación próxima ao Camiño de Santiago e pola súa inclusión na relación de rochas e minerais industriais de Galicia” . Con todo, este tipo de mármore, caracterizado polas súa cor gris escuro e de gran, non foi detectado polos investigadores no exame visual das pezas arqueolóxicas galegas e “a súa caracterización arqueométrica foi relegada a unha fase ulterior” dos seus estudos.
Os investigadores tamén fixeron prospeccións en canteiras da comarca do Bierzo, de onde se puido ter extraído mármore para o seu uso en Galicia
A prospección realizada nas canteiras na contorna do Barco de Valdeorras levou aos científicos a descartar este distrito como posible fonte de materia prima empregada como soporte escultórico, epigráfico ou arquitectónico, dado o “elevado grao de fragmentación que presenta o material e a non correspondencia do seu aspecto macroscópico cos mármores empregados nas pezas documentadas”.
Tamén se fixeron prospeccións en canteiras situadas no extremo occidental da provincia de León, na comarca do Bierzo, “algunhas das cales están situadas bastante preto do trazado da antiga vía romana que unía Lucus Augusti (Lugo) con Asturica Augusta (Astorga)”, xustifican os expertos, que tamén consideran relevante o feito de que “as mesmas capas xeolóxicas con afloramentos marmóreos susceptibles de ser explotados na Antigüidade e identificados na vertente galega da Serra do Courel aparezan tamén na vertente leonesa deste macizo montañoso”.
Así, puideron delimitar a maiores tres distritos de interese para o estudo. Un é o de San Fiz do Seo, que inclúe canteiras abertas no concello de Trabadelo e as que se atopan na localidade veciña de Ambasmestas, no municipio de Vega de Valcarce. “A súa situación xeográfica preto do roteiro natural que conecta O Bierzo con Galicia pasando polo Cebreiro, xunto coa presenza dunha variedade de mármore de trazos similares a algunhas pezas galegas, e a constatación da calidade e capacidade de obter bloques de gran tamaño confirmada polas evidencias de extracción recentes, fan que este grupo de canteiras sexa especialmente suxestivo”, salientan Silvia González e Anna Gutiérrez.
O equipo tamén apunta as canteiras abertas en localidades ao redor de Villafranca del Bierzo (Corullón e Toral de los Vados), con diferentes variedades de mármore que, malia que ningunha delas foi observada en pezas de Galicia, suscitaron o interese dos investigadores pola súa situación xeográfica e o posible uso desta rocha en época antiga na zona.
Por último, sinalan as canteiras da zona de Palacios del Sil, concretamente as existentes en Tejedo del Sil (canteira de Vistousel) e Cuevas del Sil, onde identificaron un “mármore branco con trazos macroscópicos que o asemellan a certas variedades do Anticlinal de Estremoz (Portugal), cuxo emprego en época romana está ben documentado na Lusitania e que se detectou tamén no noroeste e norte peninsular”.
As coordinadoras do proxecto veñen de presentar os principais resultados da primeira fase dos seus estudos no monográfico ‘Paisajes e historias en torno a la piedra’ (UNED).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.