Un libro para coñecer esas pantasmas que aínda viven nos pazos de Compostela

Manuel Gago presente 'O Sangue das Pantasmas', unha obra de autoficción que traslada a tradición oral de espectros e ánimas ao texto impreso.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/12/2020 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

A recta final deste ano 2020 vén de cargada de novas ofertas culturais, unha listaxe á que se vén de sumar unha innovadora proposta froito da colaboración do Festival Atlántica coa libraría Couceiro. O resultado non é outro que unha nova liña editorial que virá comezada con O Sangue das Pantasmas, unha obra coa que o polifacético Manuel Gago deixa escritos os inaccesibles misterios deses espectros que vagan polas vellas construcións galegas. 

Manuel Gago con 'O sangue das pantasmas', a súa derradeira novela
Manuel Gago con 'O sangue das pantasmas', a súa derradeira novela | Fonte: remitida

O título de Gago, concibido como un texto de autoficción, comezou a xermolar coa estancia do seu autor nun castelo escocés. A raíz desa experiencia, o autor preguntouse por que en Galicia, con tantas historias de mortos e aparecidos, apenas se coñecían pantasmas nos abundantes pazos e casas vedrañas do país. A investigación cultural levou a Gago ás sombras de Compostela, esas que dormen nas mansións da cidade, poboadas polos espectros que recolle O Sangue das Pantasmas.

A idea deste título, que será achegado pola Libraría Couceiro coa compra de calquera doutro volume, oriéntase pois a trasladar esta tradición oral de bruxas e ánimas ao enfoque das rutas e lugares, unha dimensión relativamente inexplorada na escrita galega. Deste xeito, a experiencia dos paseos con historias fixaranse no papel “para o goce de novos públicos”. Manuel Gago, profesor universitario, director de culturagalega.gal e tamén autor, enfoca a construción deste novo título dende a pluralidade dunha formación polifacética na que o estudo do antigo se funde coas formas e recursos do presente.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta