Por Galicia Confidencial | Lousame | 26/12/2020 | Actualizada ás 21:35
Esta fin de semana as Brigadas deseucaliptizadoras de Verdegaia e a Fundación Montescola organizaron as últimas xornadas deseucaliptizadoras do ano, nas que unha vintena de voluntarias en pequenos grupos eliminaron eucaliptos e acacias en media hectárea dunha zona de carballeira en Froxán (Lousame).
"Montescola e as Brigadas fan un balanzo positivo do ano, a pesar das dificultades para realizar convocatorias e a necesidade de organizar as intervencións en pequenos grupos", apuntan nun comunicado en alusión as restricións da covid. Mesmo así, en 2020 fixéronse 15 intervencións sumando xa máis de 900 brigadistas participantes.
Así, fixéronse "rogas" en Froxán (Lousame), Corcubión, Valón (Ferrol), Montefaro (Ferrol), Coruxo (Vigo), Darbo (Cangas do Morrazo), O Hío (Cangas do Morrazo), Mondariz Balneario e Lentille (O Ribeiro). En Froxán fixéronse seis intervencións ao longo do ano en colaboración co Monte Veciñal do lugar e a Fundación Montescola.
As Brigadas voltarán á carga no mes de xaneiro se as circunstancias o permiten cunha intervención no monte de Lentille (no Ribeiro), estando programadas novas xornadas para a plantación de árbores frondosas autóctonas en Cedeira, Ferrol e Lousame.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.