Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/12/2020 | Actualizada ás 18:54
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, remitiu este luns ao xefe do Executivo central, Pedro Sánchez, unha carta para pedir "información oficial" sobre o acordo pesqueiro do Brexit e para reclamar que Galicia teña unha "presenza directa" nas futuras negociacións co Reino Unido e no seo da Unión Europea en canto ás cotas de captura.
Na misiva, o titular do Goberno galego reflectiu a súa "preocupación" pola incidencia que terá a saída do país británico no sector pesqueiro, que supón "un novo recorte da actividade da frota" en augas do Gran Sol. Debido a esta "incertidume", e dado "o peso" de Galicia na actividade marítimo-pesqueira de España, Feijóo solicitou que a Comunidade participe nas negociacións das cotas --os totais admisibles de capturas (TAC)-- que quedan despois de que a Comisión Europea acordarse ceder o 25 por cento ao Reino Unido ata 2026.
Segundo informa a Xunta, Feijóo trasladou na carta a Sánchez que o Goberno galego traballa "de forma intensa" na análise do acordo e das súas consecuencias, xa que o sector e as familias que viven del "non poden permitirse un novo impacto semellante ao sufrido" cando España se sumou á Comunidade Económica Europea, en 1986, que supuxo unha redución do "70 por cento" da frota en caladoiros do Gran Sol.
FALTA DE INFORMACIÓN "OFICIAL"
Nunha comparecencia ante a prensa este luns tras reunirse en Santiago co presidente da Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte (CCDR-N), António Cunh, Feijóo criticou que a única información que ten o seu Goberno chega "a través do sector, doutros estados e dos medios de comunicación". Iso si, do que a Xunta coñece ata agora, considera que queda por diante "un panorama sombrío" para a frota da Comunidade, ao confirmarse o agoiro de que "a pesca foi entregada como moeda de cambio" no acordo do Brexit.
"ESTAMOS A XOGARNOS MOITÍSIMO"
Antes de transcender o contido da súa carta ao presidente do Goberno, Feijóo avanzaba este luns, tras a súa reunión co presidente da Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte de Portugal, que Galicia "quere estar" nesa "segunda negociación" que será a repartición das cotas restantes entre os Vinte e sete: "Estamos a xogarnos moitísimo. Moito diñeiro, moito emprego, moita capacidade extractiva".
Feijóo tamén dixo que lle gustaría "no futuro" ter "conversacións" coas autoridades británicas para "manter, no que se poida, o statu quo": "Hai empresas mixtas" británicas e galegas e "o lóxico é que puidese seguir faenando coas mesmas embarcacións e tripulacións".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.