A "precaria" atención do Sergas ás mulleres embarazadas, "sen acceso" a clases pre e posparto

Unhas 16 mulleres ourensás alzan a súa voz contra a xestión das aulas de educación prenatal e posnatal a raíz da pandemia. Tamén denuncian a baixa ratio de matronas por muller na provincia e a violencia obstétrica que sofren nos hospitais.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/12/2020 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

As mulleres galegas que quedan embarazadas descobren, nos seus regulares contactos coa sanidade pública, "un mundo que nos asusta e nos entristece". Concretamente, no centro de saúde do Couto, en Ourense, un grupo de mulleres no terceiro trimestre da xestación veñen de denunciar unha “situación de abandono” por parte do Sergas debido á xestión das sesións de educación maternal dende o comezo da pandemia. Segundo explican as mulleres afectadas, a raíz do confinamento as sesións de educación prenatal e posnatal trasladáronse á vía telemática, tal e como recollía o documento de recomendacións do Sergas ante a crise sanitaria. Con todo, estas sesións paralizáronse de maneira abrupta cando a matrona que as atendía foi dada de baixa laboral e a matrona substituta non foi dotada dos materiais técnicos necesarios para desenvolver esas clases, denuncian a través dun comunicado.

Unha muller embarazada protéxese da Covid-19 cunha máscara  / RAUL ARBOLEDA/AFP vía Getty Images)
Unha muller embarazada protéxese da Covid-19 cunha máscara / RAUL ARBOLEDA/AFP vía Getty Images)

Estivemos durante semanas sen clases de preparación ao parto, sen dispoñer de todos estes contidos esenciais. Semanas atrás ocorrera o mesmo durante as vacacións da nosa matrona, que ata o momento da substitución, dedicaba o seu tempo e recursos persoais a atender as nosas demandas e dúbidas sobre como aliviar a dor, como enfrontar o parto, ou a lactancia materna”, relatan. Desta maneira, boa parte da atención recibida dependeu da "iniciativa persoal" da propia profesional. Unha das mulleres afectadas, Ana Conde, explica tamén ao teléfono que a raíz desta situación que, entende, “vulnera os dereitos das mulleres e das crianzas a unha saúde pública de calidade”, emprenderon unha loita co apoio de varias asociacións para chegar á orixe do problema. “Vimos que, dalgunha maneira, ata foramos afortunadas, porque a maioría dos centros de saúde non tiñan clases nin online ni presenciais por mor da pandemia”.

"ABANDONO INSTITUCIONAL"

No caso deste grupo de mulleres do Couto, o Sergas reanudou as clases presenciais hai pouco máis dunha semana e logo de “máis dun mes” en que moitas delas quedaron sen ningún tipo de atención. Porén, esta proposta non convence ás mulleres afectadas porque consideran que “a presencialidade non responde a criterios razoables de prevención nin de atención a todas as mulleres que o precisan”. “Nin sequera ás ecografías podemos ir acompañadas”, lembra Conde. “Os protocolos establécenos segundo lles interesan”. “Ademais”, engade esta futura nai, “non se teñen en conta as sesións posnatais, que creo que non as imos nin sequera ulir". 

Ante esta situación, estas mulleres reclaman que o Sergas "entregue ás matronas dun ordenador con cámara web, conexión WIFI e unha plataforma que permita realizar videochamadas” para que as clases poidan continuar de xeito online e todas as mulleres teñan acceso a este dereito básico. A raíz desta problemática, a Asociación Galega de Matronas (AGAM) tamén difundiu un comunicado no que denuncian o “abandono institucional das mulleres” no país. “Non se trata dun problema illado”, din, “cónstanos que está a suceder o mesmo en numerosos centros sanitarios”. “Desde a AGAM instamos ao Sergas a dotar con urxencia as matronas dos recursos necesarios para que poidan realizar un asesoramento online e en condicións de igualdade a todas as xestantes que o precisen”, sentenzan.  

SERGAS

Dende o Servizo Galego de Saúde, a resposta que trasladaron ás mulleres afectadas que enviaron reclamacións de modo individual foi que "a formación non presencial está solicitada dende hai tempo e que se atopan desenvolvendo trámites", aseguran as mulleres. En declaracións ao Galicia Confidencial, responsables da área sanitaria de Ourense afirman que "se garanten en todo momento as sesións de preparación ao parto" e que se "respecta a normativa que marcan as autoridades sanitarias con motivo da pandemia". Ademais, indican que na actualidade as matronas ofrecen cursos de preparación ao parto "dando cobertura a todas as mulleres de Ourense e concellos periféricos", e que agardan a incorporación de máis profesionais no 2021. 

MATRONAS INSUFICIENTES

Con todo, segundo o relato das mulleres embarazadas, a problemática coas aulas de educación maternal só é a punta do iceberg. “Cando nos puxemos a investigar atopámonos sistematicamente con cousas que nos sorprendían cada vez máis”. E é que problema de fondo, sinala Conde, está na “precariedade” da propia organización e na falta de recursos persoais. “A área de Ourense conta coa ratio matrona/muller máis baixa de todo o Estado, posto que só ten dez matronas, e catro delas están na cidade”. Na outra cara da moeda, “unha amplísima lista de espera”. 

Ana Conde recoñece que loitan, xa non por elas, que están a piques de saír de contas, senón polas que veñen detrás. “Estamos nunha situación delicada. Moitas compañeiras que deron a luz pasaron por situacións pouco agradables no hospital. O tema da violencia osbtétrica tamén é moi relevante”; denuncia. “Para min todo isto é novo, e eu estou descubrindo un mundo que me asusta e me entristece. Cando te atopas nunha situación de vulnerabilidade coma esta, dis que si a todo por inercia e porque nos falta información. Tan avanzados nunhas cousas e tantos atrancos noutras…”, remata dicindo. “É a nosa obriga denunciar o que está pasando, se non o día de mañá isto vainos repercutir como mulleres e como sociedade”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta