Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 04/01/2021 | Actualizada ás 16:06
O Concello de Santiago albergou este luns a presentación de 'Isaac Díaz Pardo. Memoria do compromiso', a biografía "máis completa, definitiva" --en palabras do seu autor, Xosé Ramón Fandiño--, do polifacético galeguista Isaac Díaz Pardo, fundador de Sargadelos.
A concelleira de Acción Cultural de Santiago de Compostela, Mercedes Rosón, participou, xunto co autor do libro, na presentación dunha obra que contou coa colaboración do Concello. O lanzamento de 'Isaac Díaz Pardo. Memoria do compromiso', enmárcase dentro dos actos de homenaxe a Díaz Pardo levados a cabo polo Consistorio ao longo de 2020.
Ademais, a obra forma parte, tal e como indicou Mercedes Rosón, da colección 'Saber e descubrir', que comezou a publicar o concello o ano pasado con "ánimo divulgativo". 'Memoria do compromiso' distribuirase en máis de 50 bibliotecas galegas e en diversos centros socioculturais de Santiago e poranse exemplares a disposición dos interesados no Teatro Principal.
'Isaac Díaz Pardo. Memoria do compromiso' revisa e profunda, ao longo de sete capítulos, en todos os aspectos da vida do artista compostelán, desde a esfera persoal á política, pasando pola súa prolífica actividade artística.
DÍAZ PARDO: UN ARTISTA POLIFACÉTICO "COMPROMETIDO" CON GALICIA
Fandiño indicou que o seu libro non é unha biografía cronolóxica ao uso, senón "temática" na que o lector é testemuña da "evolución vital" de Díaz Pardo, sempre "comprometido" --de aí o título-- cos valores republicanos e galeguistas. "Díaz Pardo pertencía a un país que non estaba en ningures, o dos exiliados", destacou o autor da obra.
Ao longo do libro, Fandiño entra na infancia do artista e no seu traballo como axudante no taller do seu pai na Rúa das Hortas da capital galega, así como na súa pronta implicación, con 15 anos, na campaña do Estatuto de Autonomía de Galicia de 1936.
Con todo, os aspectos nos que máis fincapé fai o libro son aqueles relacionados coa actividade artística e política de Díaz Pardo, especialmente aquela realizada no exilio e xunto a outros exiliados como Luís Seoane.
Así, Fandiño narra o nacemento do Laboratorio de Formas de Galicia en 1963, "un ente teórico, un viveiro de ideas que pretendía rehabilitar a identidade e a memoria histórica de Galicia" e a constitución da empresa Sargadelos, coa que Díaz Pardo quería "achegar a obra artística a produtos de consumo popular; achegarse aos conceptos de igualitarismo e benestar social".
Xosé Ramón Fandiño, xa ao final do libro, aborda tamén o que el denonima como "o final da utopía" e explica como Díaz Pardo foi apartado "con egoísmo e deslealdade" do mando de Sargadelos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.