España non representa os intereses galegos

A eventual declaración de incompatibilidade co Dereito da UE do chamado “tax lease”, canda a prohibición para construir barcos a Navantia-Fene, que Aznar pactou coa UE para salvar Navantia das perdas xeradas pola ineficiencia andaluza e cartaxenera, reflicten que España nunca entendeu a importancia da construción naval galega. Tampouco entendeu nunca a importancia da nosa industria conserveira, da nosa pesca e, en xeral, do carácter fulcral e estratéxico do noso sistema produtivo mar-industria.

Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 30/06/2013

Comparte esta noticia
  Do mesmo xeito, a axenda española cara a negociación da Política Agraria Común (PAC) centrouse só nas producións mediterráneas (olivas, laranxas) e nos intereses das rexións latifundistas, arrumbando os intereses das nosas producións cárnicas e lácteas. Outro tanto compre dicir dos nosos intereses do sistema monte-madeira-industria. Mentres, tentouse impoñer dende Madrid un sistema aeroportuario dependente dese xigante que é Madrid-T4, retendo as competencias sobre uns portos que remanecen desconexos e pequenos. Cando éstes,  xestionados a xeito, haberían ser o grande “hub” europeo cara América no horizonte da nova canle panameña, no 2015.
 
Certo é que a nosa produción por habitante chega só a pouco máis do 90% da nosa renda dispoñíbel. Mais, de existirmos con voz propia na Europa, ao xeito de Estados da nosa fasquía poboacional (Irlanda, Eslovenia, os países bálticos) semella que o noso PIB tería medrado substancialmente, pois que case todos os nosos sectores empresariais nos que presentamos vantaxes comparativas foron e son sometidos a acoso e soidade. E non precisaríamos daquela ningunha caste de subsidio.
 
O mapa complétase co desprezo da esquerda e dereita española polas nosas Institucións de autogoberno. Velaí o rexeitamento de Fdz Ordóñez e da montorista Cristina F. Currás a compareceren diante do Parlamento deste País. Quizais tamén para non ter que recoñecer que, canda a mala xestión dos seus dirixentes galegos, a inviabilidade da fusión das Caixas tivo algo a ver coa proa do PP e PSOE estatais a respecto da pervivencia de toda entidade financeira galega.
 
O peor de todo é que, cun 5% do PIB e cun 6% da poboación estatal, isto non vai mellorar. Velaí que sexan o autogoberno e o dereito á diferenza  as mellores armas para sermos económicamente viábeis.
 
A arrincadeira: Yes Scotland
 
Escocia camiña cara ao seu referendo de autodeterminación de 2014. Moitos escoceses levan gravado a lume que o Goberno de Westminster  informara de que Escocia era un país pobre e subsidiado, contabilizando os ingresos do petróleo do Mar do Norte como xerados por un novo territorio chamado “plataforma continental”e distinto de Escocia. Até a lei de transparencia os escoceses non puideron saber do engano do Goberno británico.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Antón Pérez Lema Licenciado en Dereito e graduado en Administración de Empresas. Leva exercendo a avogacía máis de vinte anos e dirixe o seu propio despacho n’A Coruña, con nomeada adicación ao Dereito Administrativo e Mercantil . Foi profesor da Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Avogados coruñés e da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigio. Arestora imparte a docencia no primeiro programa de asesoría xurídica de empresa que se desenvolve en Galicia, no Instituto de Finanzas e Formación Empresarial (IFFE).Publicou varios traballos sobre temática xurídica. Foi xefe de gabinete do Conselleiro da Presidencia Pablo González Mariñas, sendo Presidente Fernando González Laxe e secretario xeral de Relacións Institucionais na Vicepresidencia da Xunta ás ordes de Anxo Quintana (2007-2009). Fpoi asesor xurídico do Consello da Xuventude de Galicia (1991-1997) e tivo unha intensa actividade na defensa penal de obxectores e insumisos até que se acadou a supresión do servizo militar obrigatorio. Colaborador da Radio Galega e da TVG e de varios xornais, revistas e emisoras de Radio e TV galegas.