A área de Santiago alcanza o máximo histórico de contaxios tras dúas semanas sen estudantes universitarios

Na xornada do mércores rexistráronse 1.454 casos activos.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/01/2021 | Actualizada ás 13:55

Comparte esta noticia

Os datos da covid en Galicia semellan ter tomado unha dinámica ascendente que, de non presentar cambios nas próximas semanas, poderían conducir á comunidade a unha terceira vaga da enfermidade. Neste contexto, a área sanitaria de Santiago e O Salnés vén de rexistrar o seu tope histórico de casos activos, unha circunstancia que, ademais de xerar dúbidas sobre a calidade dos mecanismos de rastrexo, pon en cuestión o discurso ofrecido polas institucións a respecto da transmisión do virus. 

Facultade de Historia da Universidade de Santiago
Facultade de Historia da Universidade de Santiago | Fonte: Iago Pillado en Wikipedia.

A niveis do mes de outubro, cando Santiago chegaba ao que por aquel entón era o récord de contaxios, deuse unha mobilización entre o estudantado universitario, que se vía vítima dun sinalamento "inxusto" por parte das autoridades. “Hai unha criminalización do estudantado porque é fácil e axuda a vender xornais", lamentaba entón o estudante Pablo Calviño. "Como pode dicir Feijóo que os estudantes son responsables do aumento dos casos se non ten datos? Sácao da chistera”, engadía.

Dous meses e medio máis tarde, o incremento de casos activos na área de Santiago podería poñer en entredito as explicacións sostidas tanto pola administración autonómica como polo Concello de Santiago, que non dubidaron en sinalar as festas universitarias como foco e orixe do aumento de casos. Porén, Santiago vén de acadar o seu máximo histórico de contaxios --1454 o mércores, e 1 menos este xoves-- logo de máis de dúas semanas sen estudantes universitarios na cidade.

E é así porque o calendario lectivo da USC marca o pasado 22 de decembro como fin da primeira metade do curso, que será reanudado nos próximos días. O incremento de casos das últimas semanas, pois, teríase dado con maior probablidade no seo dos residentes habituais da cidade; tendo en conta tamén que, malia a entrada do Ano Santo, decembro e xaneiro son tempada baixa para os peregrinos. As cifras de contaxios do Sergas chegan nas mesmas xornadas en que a Xunta formula a posibilidade de restrinxir a mobilidade por franxas de idade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta