Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/01/2021 | Actualizada ás 14:00
As paredes dunha cela gris ou branca, cunha cama baixa, o retrete, un espello e, quizais, un escritorio cunha silla. E o teito e o chan. Esa é a estampa que moitos presos de Galicia teñen para ver a maior parte do día e os 365 días do ano. Sós e sen compañía, sen interactuar sequera cos funcionarios de prisións, que lles pasan as racións de comida por unha fenda a través desa porta de ferro que tan escasamente se abre.
O confinamento solitario é unha realidade de sobra coñecida a través da cultura popular e o cine pero sobre a cal se dispón de relativamente pouca información a día de hoxe. Os cárceres, en fin, non deixan de ser un tema relativamente tabú que poucas veces fai aparición per se en xornais e telexornais. Nese contexto, resulta comprensible que as "irregularidades" e "incumprimentos" denunciados non se coñezan.
No marco de Galicia, o observatorio Esculca vén de lanzar un manifesto para pedir a fin do réxime de confinamento solitario nas prisións do Estado. A organización galega de defensa dos dereitos e liberdades considera que este modelo de illamento "implica un trato cruel, inhumano e degradante para as persoas, e constitúe en si mesmo unha forma de tortura”.
No marco legal español, o réxime de confinamento solitario supón unha serie de restricións ás xa de por si escasas liberdades do preso que leva aos de Esculca a calificalo como "o cárcere dentro do cárcere", título do manifesto presentado aos representantes políticos galegos para instar a un cambio canto antes. "O réxime de isolamento supón, entre outras cuestións, a limitación das saídas ao patio, a limitación dos contactos con outras persoas presas, a limitación dos obxectos permitidos na cela, comidas en solitario, e restrición das comunicacións con persoas do exterior", explican.
UN 5% DOS PRESOS
Os derradeiros datos dispoñibles indican que, das case 60.000 persoas presas no conxunto do Estado, hai un 5'4% en confinamento solitario. En Galicia, con 3.200 reos, non existen datos concretos sobre a proporción de presos illados; unha falta de transparencia á que contribúe o goberno ao non publicar datos sobre a dimensión que esta práctica adquire no seo das institucións penitenciarias.
A razón de Esculca para pedir a fin do confinamento solitario artéllase, por unha banda, nesa "tortura" denunciada; pero tamén nos reiterados incumprimentos da lei que advirten dende o observatorio. O manifesto difundido polo observatorio explica que o confinamento como castigo, legalmente, non podería durar máis de 14 días. Porén, segundo destacan, o límite "é incumprido de maneira arbitraria nos cárceres" chegando a ser aplicado nalgúns casos "durante anos" e "a pesar das constantes recomendacións e denuncias de organismos estatais e internacionais".
ANOS DE ILLAMENTO
O avogado Fernando Blanco, pertencente ao observatorio, explica claramente como se bordea a lei nos centros penitenciarios galegos para conseguir prolongar durante anos este castigo. "A Lei Orgánica explica que este réxime non pode ir máis alá dos 42 días", subliña. Con todo, o límite legal desaparece ao irmos máis alá do confinamento por sanción, o único no que está realmente regulado o confinamento como tal.
O problema é que as condicións contempladas para os presos de grao 1 e fase 1, son equivalentes, na práctica, á restrición do confinamento, pero estas non contemplan un límite temporal, senón que non se estenden ata que se produza un cambio na consideración do preso.Sobre o papel, tal cambio depende de factores como a súa evolución psicolóxica, perigosidade, etc., de aí que haxa presos en cárceres galegas que pasan anos en illamento.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.