Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/01/2021 | Actualizada ás 18:31
A portavoz de Ciudadanos en Galicia, Beatriz Pino, acusou a Xunta de "esquecerse" das persoas maiores e criticou que Galicia estea "á cola" no número de prazas de residencias. Así o sinala nun comunicado remitido aos medios despois de coñecerse o informe da Asociación estatal de directivos e xerentes de servizos sociais, que advirte que Galicia "está moi por baixo das recomendacións" da Organización Mundial da Saúde.
Pino indicou que o informe reflicte que Galicia, unha das comunidades coa porcentaxe de poboación máis envellecida, "dispón de só 2,83 prazas de residencia por cada 100 maiores de 65 anos". "A media de España sitúase en 4,22 prazas por cada 100 persoas maiores de 65 anos", apunta.
A portavoz de Ciudadanos en Galicia tamén criticou que Galicia figure como a comunidade "con menor financiamento público de prazas de residencia de maiores, con só 1,16 de cada de cada cen persoas maiores de 65 anos, mentres que 1,67 son de financiamento privado". "Isto sitúaa como a comunidade autónoma con maior proporción de financiamento privado fronte á pública de residencias de persoas maiores de España", asegura.
"RITMO LENTÍSIMO" DE VACINACIÓN
Ademais, nun contexto no que máis de 300 usuarios de residenicas están contaxiados da covid en Galicia, Beatriz Pino critica o "ritmo lentísimo" na vacinación e tacha de "dramático" que os galegos sigan "sen coñecer o plan concreto de vacinación dos maiores".
"Esiximos mellor atención e protección para os maiores como o colectivo máis afectado pola pandemia. Pedimos ademais, como unha necesidade imperiosa, acelerar aínda máis a vacinación a todos os maiores de 65 anos e aumentar a súa protección tanto en residencias como en centros de día e de dependentes", subliña.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.