Comezan as obras de ampliación do hospital da Coruña 'Novo Chuac'

A fase cero inclúe unha nova área de hospitais de día e a ampliación de camas en coidados intensivos.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/01/2021 | Actualizada ás 12:54

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia asinou este venres a acta de reformulo para o inicio das obras da fase cero da ampliación do hospital da Coruña, 'Novo Chuac', segundo informa a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade. "Supón a posta en marcha efectiva das obras do novo hospital da Coruña, a maior infraestrutura sanitaria do Goberno galego nesta lexislatura", sentenciou a conselleira Ethel Vázquez tras a firma.

A titular de Infraestruturas e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, xunto co delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e o xerente da área sanitaria, Luís Verde, presidiron a firma do documento por parte da dirección da obra da Xunta e da empresa adxudicataria, FCC Construción S.A. e Construcións Taboada e Ramos, S.L. UTE.

Segundo informa a Consellería, a firma deste documento supón "o inicio efectivo das obras da fase cero, licitadas en xuño por un investimento de 13 millóns de euros, unha vez que o Concello da Coruña outorgou a licenza municipal correspondente, que xa fora solicitada no mes de xuño".

ACTUACIÓNS

Esta fase inclúe a creación dunha nova área de hospitais de día e dunha nova planta de hospitalización, así como a ampliación das camas para coidados intensivos. O inicio dos traballos posibilitará intervir en varios pisos, no primeiro, en concreto na antiga central de esterilización para ampliar os servizos de Farmacia, Urxencias e Mantemento. Na cuarta planta, as obras realizaranse nas antigas Urxencias para situar os Hospitais de Día de Oncoloxía, Alergoloxía, Hematoloxía, Polivalente e a Oficina de Coordinación de Transplantes.

Ademais, inclúense obras na quinta planta, na área dos antigos quirófanos, para situar unha nova unidade de hospitalización con 29 camas. Na sexta planta tamén se actuará en quirófanos para situar as unidades de Coidados Intensivos de politraumatizados e Coidados Intermedios, ademais dunha nova unidade de hospitalización con 18 habitacións e 29 camas.

A conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, e o conselleiro de Sanidade, Xullo García Comesaña, na firma da acta de reformulo das obras da fase cero do 'Novo Chuac'. MONCHO FONTES
A conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, e o conselleiro de Sanidade, Xullo García Comesaña, na firma da acta de reformulo das obras da fase cero do 'Novo Chuac'. MONCHO FONTES | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta