Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 15/01/2021 | Actualizada ás 16:52
Nove socios de seis países europeos, entre os que se atopa o grupo BioNanoTools do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC (CiQUS), unirán esforzos para desenvolver novas vías de traballo fronte o cancro. Baixo a denominación REAP, este proxecto pretende desenvolver un sistema de imaxe multimodal para detectar células que xeran resistencia ao tratamento contra o cancro.
O equipo investigador liderado por Beatriz Pelaz, responsable do proxecto na USC e investigadora principal no CiQUS, encargarase da preparación de axentes de contraste que sexan capaces de identificar estas células persistentes.
Cando un tumor se volve resistente, o tratamento contra o cancro pode deixar de funcionar. A miúdo, a orixe desta recaída atópase en determinadas células, capaces de desenvolver resistencia aos fármacos empregados para sobrevivir ao tratamento. Localizar e identificar ditas células cando aínda non xeraron o tumor representa un enorme reto ao que a ciencia pretende facer fronte a través de investigacións como esta.
Os diferentes equipos traballarán no desenvolvemento dun dispositivo que combinará técnicas avanzadas de optoacústica, coherencia óptica e microscopía de dous fotóns. Ao mesmo tempo, deseñaranse sofisticadas nanopartículas coas propiedades idóneas para poder ser detectadas mediante o novo sistema multimodal xerado. Unha vez sintetizadas ditas partículas, serán transformadas en axentes de contraste capaces de recoñecer selectivamente as células persistentes en modelos preclínicos.
"O noso traballo é asegurar que estas nanopartículas sexan adecuadas para detectar as células persistentes funcionando como axentes de contraste eficientes", explica Beatriz Pelaz. "Modificaremos a súa superficie para asegurarnos que son compatibles a nivel celular, darémoslles a estabilidade coloidal necesaria para que realicen a súa función e tamén capacidade de recoñecemento para detectar estas células", engade.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.