A corna de cervo, un anticanceroso tan potente como a quimioterapia

Investigadores do Hospital Universitario de Albacete, da Universidad de Castilla-La Mancha e do Centro Tecnolóxico da Carne de Galicia, en colaboración co reputado científico chinés Chunyi Li, presentan os resultados dunha investigación pioneira que demostra o potencial do extracto das hastas en crecemento dos cérvidos para tratar o glioblastoma, un tumor agresivo no cerebro.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 24/01/2021 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

O glioblastoma multiforme é un tipo de cancro agresivo que se xera no cerebro e pode ocorrer a calquera idade, aínda que é máis frecuente en adultos maiores. Esta enfermidade provoca dores de cabeza que empeoran, náuseas, vómitos e convulsións, e pode ser moi difícil de tratar; de feito ás veces non se pode curar. Segundo datos da Sociedade Americana do Cancro, a taxa relativa de supervivencia a cinco anos entre enfermos de 20 a 44 anos é do 22 %, porcentaxe que se reduce ao 9 % entre os 45 e os 54 anos e ao 6 % entre os 55 e os 64. Agora, un novo estudo científico achega a confirmación dunha potencial solución alternativa ou complementaria á quimioterapia para este tipo de cancro: o extracto de corna de cervo.

Un cervo
Un cervo | Fonte: Pxhere.

O estudo foi liderado por investigadores do Hospital Universitario de Albacete e da Universidad de Castilla-La Mancha, en colaboración co reputado científico chinés Chunyi Li –experto en bioloxía celular e molecular da corna de cervo en crecemento–, e con participación do Centro Tecnolóxico da Carne de Galicia (CETECA).

Os resultados, din, demostran que o extracto de corna de cervo é un anticanceroso tan potente como a quimioterapia utilizada para tratar o glioblastoma.

Máis detalladamente, co extracto da punta, non da parte media da corna, reduciron a proliferación de dúas liñas celulares de glioblastoma nun 38 % e a formación de colonias nun 84 % (o que podería equipararse á metástase), ademais de inhibir a migración celular nun 39 % e producir outros cambios, que non foron significativos en células sas. 

Tras as probas con cultivos celulares, o seguinte paso é ver se o extracto inxerido ou inxectado logra reducir glioblastomas en modelos de rato. “Isto é particularmente difícil, porque o sistema nervioso está protexido pola barreira hematoencefálica que filtra moitos fármacos e outras moléculas”, sinalan.

Este é o segundo estudo no mundo e o primeiro non asiático que apunta á corna en crecemento dos cervos como fonte de compostos bioactivos que reducen o cancro, xa que esta crece a unha velocidade superior que a enfermidade.

De feito, a corna dos cérvidos é a única estrutura en mamíferos que se rexenera totalmente cada ano e é o tecido de crecemento máis rápido que existe: “De 1 a 4 centímetros por día en lonxitude e crea máis de 20 centímetros cadrados de pel ao día na punta, por onde crece”, explican.

O primeiro estudo apuntou ao potencial do extracto das hastas dos cervos contra o cancro de próstata. Aquel traballo foi liderado, precisamente, polo doutor Chunyi, e foi realizado por científicos chineses e coreanos.

“Tanto en glioblastoma como en cancro de próstata, o extracto produce mortalidade nas liñas celulares de ambos os tipos de cancro, pero é inocuo en liñas celulares sas”, afirman os científicos, que destacan como o cervo desenvolveu xenes supresores de neoplasias malignas (cancerosas) para protexerse.

Este segundo traballo, centrado neste caso no glioblastoma, abre outra fiestra de esperanza para un tratamento do cancro menos agresivo que a quimioterapia. De feito, e tal e como destacan os científicos, “o extracto de corna de cervo non mostrou efectos adversos en comparación co tratamento de quimioterapia con Temozolomida”, o “único fármaco quimioterápico que consegue alongar a vida dos enfermos que desenvolven este tipo tan agresivo de cancro”.

Os científicos van máis aló: “Se o extracto de corna de cervo se utilizase como terapia para o tratamento do glioblastoma en combinación coa Temozolomida, é probable que os factores de crecemento contidos no extracto puidesen beneficiar os tecidos normais circundantes, deteriorados pola toxicidade non específica do tratamento con Temozolomida”.

Aínda que quedan moitos estudos por realizar e financiamento que acadar até chegar aos ensaios con humanos, os investigadores resaltan que estes primeiros resultados “suxiren que o extracto de corna de cervo contén compostos bioactivos con propiedades supresoras de tumores e podería desenvolverse como un fármaco terapéutico valioso para o tratamento do glioblastoma”.

Os resultados destes achados veñen de publicarse na revista científica Nature e están asinados, entre outros, por José Manuel Lorenzo, responsable da área de Tecnoloxía de Produtos, Procesos e Envasado de Alimentos no Centro Tecnolóxico da Carne de Galicia e profesor asociado na área de Tecnoloxía dos Alimentos da Facultade de Ciencias da Universidade de Vigo no do campus de Ourense.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta