Por Galicia Confidencial | | 23/01/2021 | Actualizada ás 10:00
Centos de veciños ergueronse hai 40 anos contra Fenosa nas Encrobas, no Concello de Cerdeda. A súa loita supuxo un antes e un despois nas mobilizacións sociais. E, agora, esa veciñanza volve erguer a voz dispostos a dar a batalla na defensa das súas vivendas, das súas terras e de toda a contorna ante a posibilidade de que Naturgy queira levar a cabo, tras o peche da central térmica de Meirama, a instalación dunha planta de biogás, doutra de hidróxeno e de varios parques eólicos.
“Agora que pecha a térmica, pensabamos que iamos poder vivir tranquilos por fin, despois de todos estes anos de contaminación, de ter que tragar con todo o carbón que caía enriba das nosas hortas, con todas as molestias que padecemos…. Pensamos que ben merecemos que nos deixen vivir con calidade de vida por fin”, apunta un grupo de veciños nun comunicado.
Por estes motivos, reclaman que Naturgy, o Concello de Cerceda e a Xunta informen xa publicamente de cales son os proxectos que hai enriba da mesa para a zona. “Non é de recibo que se estean tratando estes temas con semellante ocultismo, que non se saiba que proxectos se están a presentar para poder recibir fondos europeos ou outro tipo de subvencións", suliñan.
De feito, nos próximos días, enviarán un escrito ao Concello de Cerceda e a todos os grupos municipais pedindo que se mobilicen e informen á veciñanza. “Temos dereito a saber, a que as nosas institucións públicas fagan o que teñen que facer, que é ser transparentes coa poboación", din.
Os veciños, arroupados pola plataforma Aire, Auga e Terra Limpas da Comarca de Ordes, xa presentaron o ano pasado varios centos de alegacións contra os parques eólicos previstos na zona, o únicos proxectos dos que polo de agora saiu información pública formal. "Temos Sogama a escasos metros, a Gesuga, a un dos maiores vertedoiros de toda Europa, padecemos a térmica e agora queren vir con eólicos xigantes, hidróxeno e gas tamén? Isto non pode seguir así. Temos dereito a vivir nun lugar digno", conclúen.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.