Corrupción e recentralización

A presunción de inocencia segue a abeirar a todos os afectados no “caso Bárcenas-PP”,mais a información ao dispór reflicte xa pegadas moi consistentes da responsabilidade política do PP como organización.

Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 15/07/2013

Comparte esta noticia
Velaí os 400.000 € supostamente aboados polo PP aos avogados de Bárcenas, o mantemento deste no seu soldo, chaffeur, escritorio e secretaria na sede popular estatal até o último día deste xaneiro, a relación cotián entre Rajoy e Bárcenas,mantida cando aquel sabía xa da titularidade por parte deste de 28 M€ de probábel ilícita procedencia, as instrucións (¨Luis, lo entiendo, sé fuerte…” ) que recibe o tesoureiro a primeiros deste ano para negar a súa autoría a respecto dos papeis. E a teimuda realidade de 47 M€ que, polo menos nunha grande parte,  sairon, si ou si,  da corrupción sistematizada dende a dirección das finanzas do primeiro partido do Estado.
 
Mais a dimensión económica da corrupción chámanos a atención sobre a centralización da xestión económica dos Partidos estatais e a súa colusión co “capitalismo castizo do BOE”, nomeadamente o mundo das grandes construtoras e sectores regulados. Porque os números do saqueo de Bárcenas nun Estado descentralizado só se explica pola imposición dende Madrid aos gobernos autonómicos e locais dos contratistas amigos, da (i) lóxica radial da Alta Velocidade, do novo aeroporto de Madrid que consumiu máis dun billón-con b, de burro- das vellas pesetas. 
 
Claro que hai corrupción nos níveis autonómicos e locais. A moreas. Mais só na cimeira é observábel como unen as súas liñas os intereses do cemento sen coñecemento e da prevención dese capitalismo castizo de BOE a respecto da existencia, por exemplo en Galicia, de empresas non dependentes da megaconcentración de poder económico e financeiro dun Madrid que paga as súas custosas infraestruturas e liftings  cos cartos de todos os cidadáns do Estado. 
 
Limpar razoablemente este grao inaturábel de corrupción vai precisar de cirurxía xudicial e de prevención a medio dunha lexislación electoral e da transparencia alicerzada en sólidos valores de cidadanía, horizontalidade e responsabilidade. Mais será eixo fundamental destas políticas a loita contra as grandes concentracións de poder político, económico e financeiro. Porque non hai mellor amigo da corrupción ca a recentralización e a concentración 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Antón Pérez Lema Licenciado en Dereito e graduado en Administración de Empresas. Leva exercendo a avogacía máis de vinte anos e dirixe o seu propio despacho n’A Coruña, con nomeada adicación ao Dereito Administrativo e Mercantil . Foi profesor da Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Avogados coruñés e da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigio. Arestora imparte a docencia no primeiro programa de asesoría xurídica de empresa que se desenvolve en Galicia, no Instituto de Finanzas e Formación Empresarial (IFFE).Publicou varios traballos sobre temática xurídica. Foi xefe de gabinete do Conselleiro da Presidencia Pablo González Mariñas, sendo Presidente Fernando González Laxe e secretario xeral de Relacións Institucionais na Vicepresidencia da Xunta ás ordes de Anxo Quintana (2007-2009). Fpoi asesor xurídico do Consello da Xuventude de Galicia (1991-1997) e tivo unha intensa actividade na defensa penal de obxectores e insumisos até que se acadou a supresión do servizo militar obrigatorio. Colaborador da Radio Galega e da TVG e de varios xornais, revistas e emisoras de Radio e TV galegas.