Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/01/2021 | Actualizada ás 09:30
Continúan as reaccións en cadea á nova do peche da Central Térmica das Pontes. A clausura do histórico complexo, prevista para este mesmo ano, vén de xerar opinións diverxentes en distintos espazos da sociedade. No eido político, todos os partidos do arco parlamentar galego se manifestaron en contra do peche, replicando así a posición sostida polos principais sindicatos. No movemento ecoloxista, porén, as sensacións son distintas.
Pouco despois de que Endesa anunciara a clausura da central o pasado 19 de xaneiro, a plataforma ADEGA decidía celebrar publicamente unha nova moi agardada nas filas dos movemento medioambientais galegos. Así é que, nas últimas xornadas, esta primeira declaración de trunfo vén de ser completada con novas “celebracións” por parte de entidades como Ecoloxistas en Acción ou o grupo Galiza, un futuro sen carbón.
“Coa central de Meirama pechada desde xullo de 2020, o cesamento da actividade da das Pontes en 2021 suporá o fin do carbón na nosa terra”, escriben dende Ecoloxistas en Acción. Segundo destacan nun comunicado público, o anuncio do peche das Pontes marca un antes e un despois no esquema enerxético estatal, xa que era “a derradeira central de carbón cuxo anuncio de peche aínda non era firme”.
De igual xeito, tanto Ecoloxistas en Acción como Galiza, un futuro sen carbón celebran que as probas de ‘biocombustibles’ realizadas nos últimos meses non saíran adiante. Galicia Confidencial xa recolleu, en meses anteriores, a denuncia dun grupo ecoloxista a respecto deste modelo calorífico, ao que catalogaron de ser o “que máis contribúe ao cambio climático” do mundo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.