Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/01/2021 | Actualizada ás 20:09
O presidente da Federación Galega de Confradías, José Antonio Pérez Sieira, pediu ante a Comisión Europea de Pesca que se reforcen os alicerces para "asegurar o futuro da pesca costeira artesanal" e denunciou a "falta de recoñecemento real" e de axudas por parte de instancias europeas ao sector en Galicia.
Así o trasladou no marco dunha audiencia pública organizada pola Comisión Europea de Pesca, á que foi convidada a Federación Galega de Confradías, sobre cogestión a nivel local. En concreto, defendeu a cogestión e os plans de explotación que anualmente se elaboran a través das confrarías e a administración, que "son fundamentais para manter o equilibrio e a continuidade" da actividade.
A pesar diso, incidiu en que tamén é "fundamental que as institucións europeas recoñezan o papel que as confrarías exercen nesta cogobernanza", que "axudou a mellorar a lexitimidade da toma de decisións e a transparencia e reputación da pesca artesanal en xeral".
"O mantemento das comunidades pesqueiras e por tanto o emprego son grandes preocupacións da Unión Europea pero que tamén preocupan ás confrarías de pescadores porque son as garantes de que a pesca artesanal e o marisqueo manteñan os empregos e por tanto as propias comunidades costeiras. Necesitamos salientar que a pesca artesanal desempeña un rol clave no sostemento económico e social das nosas comunidades costeiras".
FALTA DE AXUDAS
Así mesmo, incidiu en que este sector profesional é "o primeiro interesado en que siga habendo recursos que explotar" para poder seguir dándolle un futuro profesional a xeracións, e reiterou a "falta de recoñecemento real" do seu papel e da contribución socioeconómica "para os países europeos que dependen da pesca".
"Lemos moitas veces que, sobre o papel, promóvense medidas de apoio á pesca artesanal pero pódolles asegurar que iso non é percibido en absoluto por nós. En canto á repartición e asignación de cotas, a Federación galega de Confrarías ve como ano a ano son reasignadas sen ter unha consideración para a frota artesanal real".
Neste sentido, trasladou a súa preocupación polos novos axustes nas reparticións como a posible introdución do concepto de Rendemento Económico Máximo e reprochou que non percibiron un apoio da Unión Europea "nin seguise durante a pandemia da Covid-19".
"É necesario facer unha mención especial á petición que o sector pesqueiro artesanal galego está a demandar ante a perspectiva actual e que non é outra que a de requirir a exención da pesca accidental, dentro da modalidade de pesca costeira artesanal, do sistema de TAC,s e Cotas implantado pola Unión Europea". Tamén fixo balance do volume de facturación no ano 2020 da pesca fresca en Galicia, que ascendeu a preto de 150 millóns de quilos e e uns 410 millóns de euros.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.