“Primarias á galega”, medallas de ouro e de latón

“Primarias á galega”, medallas de ouro e medallas de latón Anos 90. A época dourada do “municipalismo político”. Esa fina consigna que tiña como obxectivo desartellar nos partidos de ámbito estatal (PPdeG e PSdeG) calisquer discurso en chave galega, como contraposición a uns anos 80 de estatutos, piñeirismos, realidades galegas e traxes de liño branco e bufanda. A Belle Epoque do Vazquismo.

Por Iván Vaqueiro | Porriño | 19/07/2013

Comparte esta noticia
As eleccións municipáis do 95 foron a apoteose dunha era do socialismo galego: a dos discursos demagóxicos dos alcaldes que berraban en pabillóns ateigados “Desde todos los currunchos de Galicia hemos venido para decirte, Felipe, estamos contigo!!! Mentres, Xose Manuel Beiras galopaba cara o “sorpasso” do 97. 
 
Nada resistía o empuxe do cesaropapismo ideolóxico dos alcaldes dentro da socialdemocracia galega, agás un pequeno reducto galeguista no que se ubicaban os bós e xenerosos que inda pulaban por conquerir unha socialdemocracia en chave realmente galega, máis alá da franquía galega do PSOE. Curtidos en mil batallas, os últimos mohicanos daquel galeguismo piñeirista, Ceferino Díaz, Miguel Barros, …; teimaban en deixar semente dunhas ideas condenadas á herexía polo xacobinismo de renovadores e guerristas. 
 
Flashback. Ano 2013. Vinte anos despóis. Precandidatos “críticos” e “renovadores” e alcaldes falando de “municipalismo”.  Secretarios xeráis vendendo primarias “á galega” como quen vende polbo de Carballiño, animando ós seus afiliados/as a que lle compren estas “primarias made in china”. “Venga nenas que se acaban…Rubalcaba me las quita de las manos!”.
 
Pero entre tanta “innovación”, alóngase a sombra dunha historia humana que trascende as realidades diarias da socialdemocracia galega. Esta semana coñecíamos a nova de que Ceferino Díaz, histórico líder galeguista do PSdeG e tristemente falecido o pasado decembro de 2012, recibirá a título póstumo, a medalla de ouro de Galiza pola súa aportación política á historia do noso país. Medalla merecida e ben gañada polo autor da Esforzada conquista da Autonomía, político incansable na defensa de Galiza e na promoción das nosas estructuras políticas, económicas e culturáis en toda las institucións nas que traballou arreo.
 
Ceferino, a quen tanto lle debe por exemplo a cidade de Santiago, foi un dos introductores da semente galeguista no PSdeG que permitiu a chegada de ilustres persoeiros galegos ás filas do PSdeG-PSOE como Ramón Piñeiro, Alfredo Conde, Benxamin Casal, Carlos Casares, etc… Aqueles que nos 80 confiaban no PSdeG como ferramenta de cambio social e cultural ó servizo do país. Postura que mantivo durante a súa longa vida política, que non humana, cando a enfermidade o levou nun intre no que teimaba coma sempre en renovar o PSdeG, dende a sana confabulación, cunha xeneración de novos valores que cada vez se achagaban máis á resignación ante un panorama no que a élite orgánica se autoreproducía constantemente, vulnerando os seus propios estatutos as máis das veces, para descafeinar unha organización que internamente, carecía dos mínimos democráticos para permitir agromar alternativas renovadoras dende a base.
 
Ese Ceferino Díaz da medalla de ouro, contrasta co Pachi Vázquez, que ben de recibir a medalla de latón do Comité Federal do PSOE coa súa proposta de primarias descafeinadas, con sacarina, cereáis eco e leite sen lactosa. Comprobar cómo o secretario de organización federal, Oscar López, afirmaba que a “consulta galega (que non primarias) non tería carácter vinculante” ó mesmo tempo que Pachi Vázquez declaraba que “as primarias galegas serás 100% vinculantes” dan testemuña das dobres realidades nas que vive a clase política actual. 
 
Mentres a prensa recollía o xerro de auga fría de Rubalcaba a Pachi Vázquez ó deslexitimar un proceso de primarias estatutario,  sempre sendo políticamente correctos, o secretario xeral do socialismo español víñalle a dicir a Vázquez que “podía consultar ós militantes sobre o sexo dos anxos, o principio de incertidume de Heissemberg ou a fórmula  alquímica do ouro,  pero que a vaquiña congresual polo que vale”. En cristián, que máis aló da honorabilidade ou bondade dos candidatos galegos a presidir o PSdeG, respetando o resultado da consulta, nada impide a un candidato non presentarse ás primarias e logo facelo no congreso. Magro resultado para quen fai uns meses no Comité Nacional do PSdeG viña a dicir entre bambalinas que o proceso de primarias estaba pechado con Madrid, sabedor da falsedade deste argumento, para retrasar o proceso de renovación orgánica do PSdeG, case un ano despóis de perder estrepitosamente as eleccións autonómicas. 
 
Porque a batalla das primarias, recoñezámolo dunha vez, non se prantexou como a procura dunha conquista estatutaria cun fin democrático. O propio PSOE aprobará seguramente esta fórmula na súa conferencia política que se celebrará nuns meses. A batalla das “primarias” respondeu a unha clara estratexia de “cortina de fume” de Vázquez para reposicionarse tra-la derrota electoral, reconquerir espazo e planificar a batalla interna ó máis puro estilo Sun Tzu. A alternativa ó vazquismo levouno claro ata os seus estertores fináis desta semana.
 
Unha semana que foi testigo, ó máis puro estilo da política clásica, de escarceos, movementos, emboscadas e alianzas, no que moitos dubidaban ainda que Pachi Vázquez fora dar o paso de presentarse, directa ou indirectamente, ás primarias presentando o aval da “consulta-primarias-non-vinculantes” como grande conquista  política. Feito difícilmente contestable toda vez que no PSdeG ninguén nega o feito de que é un clamor interno que a votación do novo secretario xeral se realice en furna directamente polos afiliados/as, e obviando o feito cualitativo das formas empregadas para conquerilas, o seu carácter non viculante e a trapallada orgánica  e estatutaria que supuxeron. Ninguén pode negar que Pachi Vázquez é experto na teoría de xogos inagurada alá polos anos 50 por Nash e a RAND Corporation e que domina a perfección o dilema do galiña, aquel no que dous vehículos discurren fronte a fronte por unha estrada e que responde á ecuación: se ambos se apartan (colaboran), reciben +5; se un se aparta (deserta), recibe +1 e o rival  recibe +10, se ningún se aparta, reciben 0. En todo este proceso, Pachi Vázquez sempre recibe +10 porque ninguén tivo incentivos para enfrentarse a el nun xogo endiablado no que opoñerse a Vázquez era ir contra unha marea de cambio interno, enxeniosamente utilizada por el para os seus propios fins, órdago a órdago, levando tan só un farol. Xogar a ruleta rusa cun Kamikaze non debe ser doado. Mesmo Rubalcaba tivo que esquivar a corná do de Carballino. A  postura de indiferencia-pasotismo-desprezo do Comité Federal do PSOE ó órdago de Pachi Vázquez é só comparable ó anuncio aquel de “ aceptamos pulpo como animal de compañía….”. 
 Só ou con outra figura interposta, todo parecía que Pachi Vázquez ía dar a última batalla presentándose, pero ninguén dubida de que inda vai xogar a súa última baza nesta partida de tute socialista que leva un ano de duración, entre achiques, órgados e arrastres. Os movementos de adhesión a Besteiro de moitos altos cargo, dirixentes e doutros precandidatos, deixáronno sen apenas espazo ou marxe para a súa candidatura, pero terá inda Pachi gardadas para o final as “corenta”?
 
Medalla de ouro e medalla de latón. Dous modelos claramente opostos de entender a política. O de Ceferino, a de ouro, sempre en positivo, contando co país, o galeguismo, a lingua e cultura, a nosa economía productiva e as potencialidades da nosa terra, cun modelo de partido aberto, democrático, galeguista e orgulloso de seu. E a de Pachi Vázquez, a do nomeamento de cargos a dedo, o das primarias “á galega”, o de grandilocuencias populistas, o das candidaturas apparátchik  e non de capacidades,ó servizo do país. O modelo do latón.
E mentres, fora do PSdeG, a vida de verdade, segue… Só que desta volta, os cidadáns progresistas, fartos de tanta hipocresía, xa non miran só cara o PSdeG.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Iván Vaqueiro Nicolás Iván Vaqueiro Gradín (O Porriño, 1977). Politólogo e Consultor, dirixe unha empresa de consultoría empresarial Licenciado en Ciencias Políticas e da Administración pola USC É Diploma de Estudos Avanzados (DEA) de Doutoramento na Facultade de Ciencias Políticas e da Administración da USC no programa "Procesos Políticos Contemporáneos" Master en Dereito Urbanístico e Medioambiental pola Universidad de Vigo. Colaborador de varios medios de prensa e revistas galegas www.ivanvaqueiro.blogspot.com @ivanvaqueiro