Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 31/01/2021 | Actualizada ás 13:50
O xerente do Servizo Galego de Saúde (Sergas), José Flores, recoñeceu que a área sanitaria da Coruña-Cee está próxima a comezar a derivar pacientes de coronavirus ao hospital de Lugo, o que desvela que ten unha marxe "cada vez menor" para instalar un hospital de campaña.
Nunha entrevista concedida este domingo á Radio Galega, explicou que a área coruñesa ten unha ocupación "moi alta" a nivel galego, con 395 ingresados, dos que 82 están en unidades de coidados intensivos (UCI), segundo os últimos datos de Sanidade.
De acordo co xerente do Sergas, os hospitais da Coruña están "no límite" e teñen unha capacidade para unha vintena de camas máis para pacientes críticos, antes de ter que trasladar enfermos de covid aos exteriores.
Con todo, antes que se chegue a unha situación de hospital de campaña, José Flores apunta a Lugo como lugar de derivación porque ten "unha situación infinitamente mellor que o resto de áreas".
"Entendemos que A Coruña aínda segue tendo capacidade de expansión, cada vez menor, pero antes de entrar na fase 4 ten uns días por diante na que haberá que facer cousas, como derivar pacientes inicialmente a Lugo", resumiu.
FERROL E PONTEVEDRA
Outra área que preocupa é a de Ferrol, que de feito hai semanas que envía pacientes a hospitais non só lucenses, senón tamén a Pontevedra e mesmo á Coruña. Isto permitiu, en palabras do xerente do Sergas, que esta semana se conseguise certo "desafogo".
Nunha situación "similar" atópase a área de Pontevedra-O Salnés. De feito, José Flores avanzou que este fin de semana comezouse a derivar a "algún paciente que ingresaba por Urxencias" e mesmo a persoas de UCI a Vigo, xa que "ten unha situación relaxada, entre comiñas".
En palabras do xerente do Sergas, nestes momentos da pandemia todos os centros sanitarios de Galicia teñen en marcha o plan do "hospital único" e, en calquera caso, porase "toda a rede de hospitais galegos, tanto públicos como privados se fose necesario, a disposición de todos os pacientes" que necesiten ingreso.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.